A peregrinación a Santiago do colexio Salesianos de Ourense fai 25 anos
Medio cento de alumnos do centro percorren estes días a Ruta da Prata
Ben abrigados para evitar arrefriarse, medio cento de alumnos do colexio dos Salesianos de Ourense peregrinan estes días a Compostela. No centro levan xa un cuarto de século percorrendo o Camiño de Santiago.
Teñen 25 quilómetros por diante cada xornada, hoxe con choiva, pero co entusiasmo que supón comezar un camiño.
Son 53 alumnos de terceiro da ESO que fan por vez primeira o Camiño de Santiago. Percorren a ruta da Prata, a primeira parada, Cea, onde durmirán no pavillón deportivo.
Malia o peso das súas mochilas ás costas no Camiño nada máis comezar e as inclemencias do tempo, compartir este momento cos seus compañeiros é para eles o máis importante.
Hai xa 25 anos que o colexio Salesianos de Ourense leva organizando esta actividade para ofrecer, din, ao seu alumnado a oportunidade de vivir unha experiencia única como complemento á teoría que aprenden nas clases.