Chegou o verán, e faino con altas temperaturas
Este venres, o sur de Galicia estará en alerta por aviso amarelo
"Si, dende logo que si, facíanos boa falta", comenta unha muller na praia de Panxón. Chegou, por fin, o verán pero nunca chove a gusto de todos.
"Por favor, isto é morrer";"Con 25 estamos felices, non necesitamos 35 para nada", quéixanse unhas mulleres.
Levamos 15 días protestando polo mal tempo e agora que chega a calor resulta ser demasiada. Menos mal que hai quen está encantado: "Agradecemos que nos veña este bo tempo"; "A semana pasada estivo un pouquiño mal, pero agora recuperou e, xa digo, está estupendo, levamos uns días de calor impresionante"; "Eu prefiro que faga calor".
Felices tamén están os que rexentan negocios a pé de praia. "Empezamos un pouquiño frouxo o verán, pero agora ben. A xente está animada e xa empezas a ver xente", explica unha hostaleira.
"Claro que cun día de sol aquí flotadores, parasoles e fanequeiras saen deseguido. Coa choiva tamén, algún que outro paraugas aínda se venden", apunta un comerciante
Mañá actívase un aviso amarelo por altas temperaturas no sur de Galicia, e a partir do domingo diminúe o nordés, polo que a sensación de calor irá en aumento. Poñerse a remollo e unha boa hidratación poden ser bos aliados para soportar a calor.
"Nós criamos que viñamos a Galicia e ía facer un tempo aguantable, pero isto é insoportable", fala un peregrino. Desta segunda vaga de calor do verán Galicia non se vai librar.