A OMS advirte: Europa volve ser o epicentro da pandemia
Unha das causas que apuntan: a pouca aceptación das vacinas
A OMS apunta tamén á relaxación das medidas para explicar a repunta de contaxios
O que está pasando en Europa é moi preocupante e un disparo de advertencia para todo o mundo. É o que afirma a OMS, que sitúa o continente como novo epicentro da pandemia e calcula outro medio millón de mortes nos próximos tres meses.
Unha das causas que apuntan: a pouca aceptación das vacinas. Nalgúns países do leste a poboación inmunizada anda polo 30 %, e Francia ou Alemaña non chegan ao 70.
Por iso a Axencia Europea do Medicamento fai un chamamento urxente para que a xente se vacine canto antes.
A OMS apunta tamén á relaxación das medidas para explicar a repunta de contaxios. E cualifican de erro pensar que a pandemia rematou. Estase vendo nas cifras.
Só Alemaña rexistrou 34.000 novos contaxios nas últimas 24 horas, unha cifra récord. E volve preocupar a saturación dos hospitais e das UCI, a gran maioría ocupadas por xente non vacinada, moitas desas persoas, maiores de 60 anos.
A situación é similar no Reino Unido, con máis de 37.000 contaxios diarios e 165 mortes no último informe. Tamén marcan récord de falecementos Rusia, Ucraína ou Romanía.
Na OMS falan da mesma situación de hai un ano, cunha diferenza: hai máis coñecemento sobre o virus, temos as vacinas e novos tratamentos.
De feito, a Axencia Europea do Medicamento acaba de abrirlle a porta á primeira pílula contra a covid–19, que reduce á metede o risco de morte e hospitalización. Aínda non autorizou a venda, pero avala que os países poidan utilizala en casos de emerxencia.