Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tráfico desbloquea o tránsito de camións pero mantén a prohibición nos accesos a Galicia

Tráfico desbloquea o tránsito de camións pero mantén a prohibición nos accesos a Galicia

Máis dun milleiro de vehículos pesados quedaron embolsados na meseta polas restricións de Tráfico

O bloqueo de mercadorías provocou desabastecemento nalgúns supermercados

A estrada OU-122 entre Lardeira e Casaio está pechada á circulación

Camións en Zamora. EFE/Mariam A. Montesinos (Directo: cámara web en Pedrafita do Cebreiro) Camións en Zamora. EFE/Mariam A. Montesinos (Directo: cámara web en Pedrafita do Cebreiro)
G24.gal 23/01/2026 16:58 Última actualización 24/01/2026 11:11

A Dirección Xeral de Tráfico levantou esta noite as restricións para a circulación de camións en trece estradas nacionais, varias delas en Galicia. Dese xeito, os vehículos pesados xa poden circular pola A-52 entre Ourense e Ponteareas; pola AP-53 entre Vedra e Dozón; e pola AG-53 entre Dozón e Ourense.

Segue prohibida, non obstante, a entrada de camións a Galicia tanto pola autovía A-52 ( das Rías Baixas) na parte ourensá, como pola autovía A-6 (do Noroeste) na parte luguesa. En total, máis de 1.100 camións, segundo os cálculos da Garda Civil, están pasando a noite en distintas áreas de servizo de Zamora por mor desas restricións.

Non hai estradas principais cortadas, pero a neve ou o xeo condicionan a circulación en 16 vías, a maioría na provincia de Ourense, pero tamén en Lugo e Pontevedra.

Deste xeito, hai que extremar a precaución na A-52 na Canda, Vilaza e O Retiro; e tamén pola N-525, que transcorre case paralela. Moito tino tamén na N-541 na Ermida e nas estradas OU-533 que dá acceso á Gudiña e OU-536 en Trives.

Na provincia de Lugo a neve condiciona a circulación en Pedrafita do Cebreiro, tanto pola A-6 coma pola LU-633; e na N-VI en Pía.

Na provincia de Pontevedra hai que prestar atención na AG-53 entre Dozón e Ourense e en varios tramos das nacionais 120 e 541.

Pechada a OU-122

A estrada OU-122 entre Lardeira e Casaio permanece pechada pola neve e durante unhas horas foi obrigatorio o uso de cadeas na A-6 en Pedrafita do Cebreiro-Noceda, onde agora non poden transitar camións.

A circulación está restrinxida para vehículos pesados noutras cinco estradas galegas: na A-52 entre A Canda e Ábades; na N-525 entre A Canda e Fumaces; na LU-633 en Pedrafita do Cebreiro; na OU-533 na Gudiña-Outar de Pregos; e na OU-536 entre o Alto do Couso e Pobra de Trives.

Ademais, os camións teñen prohibido adiantar en seis vías. Na provincia de Lugo: na A-6, en Pedrafita-A Portela e Noceda-Arco; e na N-6 entre A Pía e Serra da Horta.

Na provincia de Ourense: na N-541, en Fontemoreiras-A Ermida e Vilapouca-A Ermida; e na A-52 na Canda-Ábedas.

Na provincia de Pontevedra: na A-52 en Quins-O Burgo; na N-120 entre Gundián-O Regueiro; e na PO-534 na Pallota-Berrozo.

Entre as incidencias máis graves, cómpre salientar o cruzamento dun camión de transporte postal que patinou e quedou atravesado na A-52 preto do límite coa provincia de Ourense.

Críticas do sector

A Confederación Española de Transporte de Mercadorías (CETM) esixe "o cesamento inmediato" do director xeral de Tráfico, Pere Navarro, pola decisión da DXT de paralizar a circulación de camións en diferentes puntos do noroeste peninsular.

Segundo explica nun comunicado, "demostrou unha absoluta falta de humanidade e completa incapacidade para xestionar unha situación completamente normal nestas épocas do ano".

De acordo cos cálculos da organización, había máis de 10.000 camións embolsados en estradas nas que non caera unha soa folerpa, en base a unha mera previsión meteorolóxica que non terminou de se cumprir.

"Entre tanto, miles de condutores coas súas mercadorías, incluíndo animais vivos, mercadorías perecedoiras e perigosas, agardan en estradas limpas a chegada da neve para quedar, agora si, cercados definitivamente, todo iso pola orde delirante emitida desde a Dirección Xeral de Tráfico", denunciou.

A Federación Nacional de Asociacións de Transporte de España (Fenadismer) cre que a prohibición foi "desmedida e precipitada".

"Condena os transportistas a pasar a fin de semana lonxe dos seus fogares e tirados no medio de ningún sitio, ao non permitirlles planificar a súa viaxe de maneira adecuada".

Tamén Apetamcor, a Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia, considera que foi unha actuación "claramente desproporcionada" e provocou "fallos na cadea de subministracións e problemáticas para o sector de transporte por estrada".

De feito, a medida comezou a ter consecuencias nos lugares de destino. A patronal dos supermercados, ASEDAS, asegura que xa provocou desabastecemento nalgúns establecementos comerciais.

"Consideramos que foi desproporcionada, precipitada e establece un preocupante precedente na garantía do servizo esencial de abastecemento de alimentación e outros produtos esenciais", sinala nun comunicado a Asociación Española de Distribuidores, Autoservizos e Supermercados.

Outras incidencias

Nas últimas horas, o 112 recibiu avisos de particulares con vehículos parados por mor da neve ou o xeo en vías como a A-52, en Cualedro; a OU-540, en Bande; a OU-533, na Gudiña, e noutras vías secundarias de Vilar de Barrio, Laza, A Pobra de Trives, Montederramo ou As Nogais.

Tamén en Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Avión, A Fonsagrada, Beariz e A Lama. En Parada de Ribeira, Xinzo de Limia, unha vintena de coches permanecían bloqueados pola neve á altura do quilómetro 3 da OU-1112 despois do mediodía.

Alto do Penedo do Galo, Viveiro (EFE/Eliseo Trigo) Alto do Penedo do Galo, Viveiro (EFE/Eliseo Trigo)
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade