A vicepresidenta Nadia Calviño di que os prezos seguirán subindo
A vicepresidenta Nadia Calviño di que os prezos seguirán subindo
Calviño remarcou a importancia e conveniencia de que os axentes sociais poidan acordar un pacto de rendas para poder facer fronte á subida dos prezos
A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, alertou este luns de que os próximos trimestres "van ser complexos".
"Temos que prepararnos e traballar cun escenario de inflación máis persistente e elevada, no que os próximos trimestres van ser complexos", advertiu a titular económica do Goberno.
A vicepresidenta descartou, por outra banda, a posibilidade de que nos próximos trimestres a evolución do Produto Interior Bruto (PIB) sexa negativa.
Ante este escenario, Calviño remarcou a "importancia e conveniencia" de que os axentes sociais poidan acordar un pacto de rendas para proporcionar "confianza e estabilidade" aos traballadores, empresas e o conxunto da sociedade.
Así, na reunión do mércores, o Goberno tratará de impulsar, apoiar e canalizar ese diálogo entre empresas e traballadores para contribuír a ese pacto de rendas que permita seguir afrontando os retos actuais e en particular a derivados da alza dos prezos a nivel internacional.
"A guerra fainos a todos máis pobres e é moi importante garantir unha repartición xusta do seu custo", sinalou a vicepresidenta.
Calviño recoñeceu que, xunto á enerxía, hai unha crecente preocupación por parte dos expertos canto á subida de prezos dos alimentos.
Por iso, a titular económica do Goberno defendeu que España mobilice un volume "sen precedentes" de recursos superior ao 1% do PIB só coas medidas adoptadas en 2022, que están a permitir conter alza de prezos en 3,5 puntos porcentuais.
A vicepresidenta asegurou porén que os expertos constataron un forte crecemento da economía española neste contexto internacional de "máxima incerteza" pola guerra en Ucraína, as tensións xeopolíticas, a normalización da política monetaria, as disrupcións das cadeas de subministración globais e a inflación.