Publicador de contidos

Publicador de contidos

A militancia de Junts ratifica cun 86,98% a decisión de romper co PSOE

A militancia de Junts ratifica cun 86,98% a decisión de romper co PSOE

Un 10,22% das bases votaron en contra do acordo e un 2,8% votou en branco, e a participación foi do 66,29%

G24.gal 30/10/2025 18:29

A militancia de Junts ratificou cun 86,98% o acordo da dirección de romper co PSOE na consulta interna que celebrou este mércores e xoves.

Nun comunicado detallan tamén que un 10,22% das bases votaron en contra do acordo e un 2,8% votou en branco, e a participación foi do 66,29%.

A pregunta á que contestaron os militantes foi: "Estás de acordo coa proposta da dirección nacional de dar por finalizado o acordo de investidura co PSOE ante os reiterados incumprimentos dos seus compromisos?".

O partido que lidera Carles Puigdemont optou pola fórmula de celebrar unha consulta porque foron as mesmas bases as que tamén validaron no seu momento o pacto cos socialistas que se traduciu no acordo de Bruxelas, en 2023.

Foi o luns cando a dirección de Junts acordou por unanimidade romper co PSOE tras unha reunión en Perpiñán (Francia) a pesar dos intentos dos socialistas durante os últimos días para que os de Puigdemont desen marcha atrás.

A ruptura traducirase no fin das reunións en Suíza co verificador internacional e tamén "se notará" no Congreso, onde Junts non negociará nada co Goberno, que se decatará "polo panel de votación" da posición do partido, segundo explicaron fontes da formación.

Tras anunciar a ruptura cos acordos, Puigdemont advertiu a Sánchez de que "o Goberno español non poderá recorrer á maioría da investidura, non terá orzamentos, non terá capacidade para gobernar. Poderá ocupar poltronas, pero non poderá gobernar. Poderá ter poder, pero non poderá exercer o goberno".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade