A metade dos galegos ten pagado o seu enterro
As provincias con máis seguros de decesos son Pontevedra e A Coruña, un 52 e un 48% da poboación, respectivamente
Por primeira vez, as cremacións superaron as inhumacións o ano pasado
Os costumes varían das zonas rurais ás urbanas
O custe medio dun enterro rolda os 3.700 euros, pero varía moito en función dos servizos contratados e tamén da zona.
Rubén Campo Fidalgo, presidente da asociación provincial de funerarias de Ourense: "Aquí un servizo non supera os 3.000 euros, con respecto a Vigo que pode superar moi fácil os 5.000".
Fala da Limia, onde están moi extendidos os velorios municipais ou veciñais, que aforran o gasto de alugar unha sala.
"En empresas privadas podemos ter que destinar mil e pico euros nunha sala que aquí sae gratuíta ou a moi baixo prezo", explica Rubén.
Os servizos de autobuses extinguíronse durante a pandemia, pero séguese practicando a colocación de esquelas nas aldeas da contorna. "Colocar esquelas murais poden ser 3 ou 4 horas dunha persoa en coche polas aldeas e as corredoiras", sinala o presidente das funerarias ourensás.
A cremación, minoritaria aínda nas aldeas, leva anos en alza nas zonas urbanas, superando xa o 50% de media no conxunto de España.
"Eu non era partidario, pero agora si. É moito máis práctico, para a familia sobre todo".
"Na miña familia, por crenzas, non moito. Pero eu si. Creo que o vou deixar por escrito", aseguran dous veciños de Ourense.
A metade dos galegos seguen confiando a xestión da morte ás aseguradoras. "Lembro a miña nai dicindo que se tiveran case que empeñar para pagar o enterro da avoa e iso levoume a min a facer o seguro". "A min paréceme carísimo, pagar toda a vida. A miña nai creo que xa pagou tres enterros", comentan dúas veciñas.
A caixa, os traslados, xestións administrativas, flores e impostos son só algúns dos conceptos que abrangue un funeral.