Publicador de contidos

Publicador de contidos

Voces expertas aconsellan o uso da máscara en espazos interiores concorridos

Voces expertas aconsellan o uso da máscara en espazos interiores concorridos

Consideran positivo que a medida sexa voluntaria pola fatiga pandémica

Os ximnasios, restaurantes e bares están entre os lugares de maior risco

Recoméndase que o profesorado siga utilizando a máscara nos colexios

G24.gal 23/04/2022 09:57 Última actualización 15:00

A máscara xa non é obrigatoria na maioría dos espazos interiores, pero hai persoas que por motivos de saúde, tranquilidade ou costume deciden seguir levándoa. No eido científico son moitas as voces que recomendan o seu uso nun momento en que o virus segue a circular cunha incidencia alta.

O presidente da Sociedade Española de Inmunoloxía (SEI), Marcos López Hoyos, considera que as persoas con sintomatoloxía de covid, catarral ou pseudogripal deberían levala en interiores para protexer de infeccións a contorna que non a leva.

Augura un incremento da ocupación hospitalaria porque "o vaso excede" pero, grazas á vacinación, non prevé unha explosión brusca da covid. Malia e todo, pensa que o uso da máscara en interiores debería manterse ante a posibilidade dunha nova onda.

Tamén o catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública e integrante do grupo Covid da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen), Vicente Martín, defende a utilización do tapabocas independentemente do que faga a maioría da poboación porque achega beneficios.

Ao seu xuízo, para quitala en interiores habería que ter en conta a cantidade de aire que se comparte porque naqueles lugares con menos metros cúbicos por persoa, "maior risco hai de enfermar e infectarnos".

Ximnasios e restaurantes

Este experto sinala que segundo un estudo recente publicado na revista Nature, os ximnasios están entre os lugares de maior risco porque "a xente corre, exhala, ten maior frecuencia respiratoria, con máis potencia xera máis aerosois polo que é moi recomendable usar a máscara FFP2 que pecha ben e dificulta o contaxio".

Outros escenarios de risco serían os restaurantes, bares, hoteis, mercados de segunda man, oficios relixiosos e tendas de mascotas.

Martín lembra que a máscara achega máis beneficios canta máis xente a leve e cando esa porcentaxe alcanza o 80 % é como a inmunidade de grupo. Segundo explica, funciona como un escudo que corta a cadea de transmisión e se alguén que a porta se infecta, non contaxia polo que está a protexer mesmo a xente sen vacinar. 

A máscara nos colexios

Entende este experto que a máscara nos colexios é eficaz pero non efectiva porque é moi difícil que a poboación infantil a manteña ben posta. Segundo explica, nos colexios funciona ao revés, e é o profesorado o que protexe o alumnado porque é o que máis risco ten de contaxiar, fala en voz alta, vocaliza e expulsa moitos aerosois. 

Tipo de máscaras

Este experto tamén advirte da diferenza entre usar unha ou outra máscara. A FFP2 é a máis efectiva "porque pecha, fai o baleiro e é moi difícil o contaxio aínda que tamén depende da cantidade de virus que haxa no ambiente". Algúns estudos estiman a protección das máscaras FFP2 en 27 horas mentres que as de tea protexen só 27 minutos.

Malia e todo, ten claro que "vale máis de tea que non tela". Sobre o uso reciclado tamén di que é mellor levar unha moi usada ou mal posta que non levala, aínda que o ideal é colocala ben, tapando boca e nariz e pechando os ocos porque diso dependerá a súa efectividade.

Con todo, este experto aplaude a decisión do Goberno de eliminar a obrigatoriedade en interiores e deixalo á vontade da xente porque "impoñelo demasiado tempo podería facelo case policial e así se resolven moi poucas cousas".

Fatiga pandémica

Tanto López Hoyos coma Vicente Martín coinciden en que a eliminación da máscara en interiores responde á fatiga pandémica. Segundo López Hoyos, trátase dunha "mensaxe de relaxamento, dicir que o virus non está aquí" e enténdese máis desde o punto de vista político, social e económico.

Mentres Martín considera que "a presión de manter a obrigatoriedade da máscara en interiores máis aló do razoable podería ter unha contestación social e mesmo xente que está a favor podería quitala como mostra de cansazo ou protesta".

Primeira fin de semana sen máscara

Na primeira fin de semana en Galicia na que xa non é obrigatorio o uso de máscaras na maioría de espazos interiores, a resposta da xente está sendo diversa. Non hai máis que botar un ollo aos centros comerciais.

Aparecen xa os primeiros rostros sen máscara, aínda que moitos son os que prefiren conservala, por precaución ou pola repunta de casos tras as festividades da Semana Santa. As clientas dun salón de peiteado da Coruña así o confirman.

Os ximnasios tamén son algúns dos locais nos que xa se pode optar por non empregar a máscara. 

"Máis menos a metade da xente xa non a leva, e a outra metade depende de se está nun momento máis colapsado ou menos", ratifica Delio Arias, director deportivo dun ximnasio na Coruña.

Para moitos expertos chegou o momento de deixar a máscara porque mirando para outros países que acolleron esta medida, comprobouse que aínda aumentando os contaxios, os casos non eran tan graves nin aumentaban significativamente as hospitalizacións, e todo, por mor da protección das vacinas.

Malia e todo, recoméndana para as persoas vulnerables e para os que presenten síntomas.

"Se temos algún síntoma de arrefríao cómpre poñer a máscara para protexer outras persoas, sobre todo, se estamos en interiores onde non hai unha ventilación axeitada", recomenda a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González.

O coronavirus semella que chegou para quedar e, polo momento, normalizalo sen esquecerse del parece ser a estratexia máis eficaz.

Publicidade
Publicidade
Publicidade