Publicador de contidos

Publicador de contidos

África González avoga por corentenas dunha semana, o tempo xusto para minimizar contaxios

África González avoga por corentenas dunha semana, o tempo xusto para minimizar contaxios

A catedrática da Universidade de Vigo afirma que non hai evidencias de gravidade na última subvariante da ómicron

Estima que a curva de contaxios irá baixando nas próximas semanas ata chegar a unha fase de estabilidade

G24.gal 28/01/2022 11:31

Este venres, na RG falaron coa catedrática en Inmunoloxía África González sobre as últimas novidades sobre a covid-19. Abordamos con ela a evolución da pandemia, o Paxlovid como fármaco na loita contra o coronavirus e tamén sobre o comportamento da última subvariante atopada deste virus: a ómicron silenciosa. 

Precisamente, en relación a este asunto, a inmunóloga pon de relevo que a subvariante xa hai tempo que leva circulando e, a diferenza da ómicron, non é detectable a través da PCR, o que fai máis difícil identificala. Engade África González que desde o punto de vista inmunolóxico non hai evidencia de maior gravidade nin de que non protexan as vacinas contra esta última versión da covid.

Pandemia

Afirma que neste intre todo o mundo está "vendo o virus", ou pola vacina ou por pasar a enfermidade, o que o fai recoñecible para o sistema inmunitario. Isto supón que a pesar das mutacións, o escenario en que nos movamos de cara ao futuro será mellor que o actual. 

Sobre a evolución da curva de contaxios apunta que o virus estase comportando dunha maneira moi semellante ao que xa se viu en países como Suráfrica, cunha suba exponencial e unha baixada importante en poucas semanas. Aquí acontece algo semellante, aínda que pode que se prolongue algo máis ese descenso, todo apunta a unha estabilización.

Corentenas

A  inmunóloga valorou a redución das corentenas de 7 a 5 días, asunto que varias comunidades, entre elas Galicia, porán sobre a mesa na próxima Comisión de Saúde Pública.

Aclara a estudosa que 7 días é o tempo oportuno para facer a corentena con seguridade, xa que segundo conclúen diversas investigacións, é a partir deste sétimo día cando só se detecta carga viral nunha porcentaxe baixa de casos. 

"Sete días sería o límite para facer a corentena con seguridade, 5 paréceme un pouco xusto. Baixar de 10 a 7 paréceme oportuno", aclara. 

Vacinas, prazos e efectos

Respecto aos últimos cambios nos prazos para a vacinación das persoas contaxiadas, a catedrática remarca que cómpre deixar un tempo prudencial para que o sistema inmunitario ofreza unha resposta máis potente. 

Aclara que catro semanas, como se propuxo no protocolo a finais de decembro, non é tempo suficiente, e amósase partidaria de agardar varios meses, como se propón na última modificación.

Engade que no caso de poñer a vacina ó pouco de ter pasado a enfermidade, pode comportar unha reacción máis forte, con efectos como dor de brazo, cansazo, inflamación axilar ou dor de cabeza.

Respecto ás doses de reforzo, a inmunóloga ve necesario centrarse nas persoas máis vulnerables, pero non na poboación en xeral. O mesmo opina da aplicación dunha cuarta dose de reforzo, que non ve factible para todos, senón para quen máis o precise.

Nesa mesma liña estima que as autoridades sanitarias procederán co fármaco Paxlovid. Un antiviral que habería que aplicar nos primeiros días da infección para evitar a réplica do virus e o agravamento da enfermidade.  

"O Ministerio decidirá os grupos, pero priorizará os máis vulnerables", remata.


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade