A inflación elévase ao 3,3 % en marzo tras subiren os carburantes pola guerra en Irán
Chega así a un nivel que non se alcanzaba desde xuño de 2024
A taxa estimada para a inflación subxacente, que é o índice xeral sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos, mantívose no 2,7 % interanual
A inflación elevouse en marzo ao 3,3 % interanual, un punto máis que en febreiro, como consecuencia do encarecemento dos carburantes tras a subida do petróleo provocada pola guerra en Oriente Medio, para chegar así a un nivel que non se alcanzaba desde xuño de 2024.
De acordo co indicador adiantado publicado este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE), tamén influíron á alza na inflación de marzo, aínda que en menor medida que os carburantes, o aumento de prezo do gasóleo para calefacción e o menor descenso que hai un ano da electricidade.
A taxa estimada para a inflación subxacente, que é o índice xeral sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos, mantívose no 2,7 % interanual, igual á rexistrada en marzo.
O Ministerio de Economía explicou nun comunicado que o comportamento da electricidade contribuíu a amortecer a inflación en marzo, dado que a aposta polas renovables, que hoxe fixan o prezo da luz no 84 % das horas, fronte ao 25 % de 2019, está a actuar como escudo fronte ao choque enerxético pola guerra en Irán.
Economía defende que o seu plan de resposta, validado este xoves no Congreso, está deseñado para que este impacto externo non se traslade de forma permanente nin á inflación nin ao poder adquisitivo dos fogares. Así mesmo, o ministerio destaca que esta semana os carburantes xa están a baixar como consecuencia das rebaixas fiscais incluídas no decreto lei que está en vigor desde o 21 de marzo, aínda que seguen con presión á alza pola cotización do petróleo, os fretes e as marxes de refino.
De acordo cos datos publicados hoxe polo INE, só no mes de marzo, en comparanza con febreiro, os prezos de consumo subiron un 1 %, presumiblemente tamén polo impacto das gasolinas. O IPC harmonizado (IPCH), que proporciona unha medida común da inflación que permite realizar comparacións internacionais, situouse tamén no 3,3 % interanual, oito décimas máis que en febreiro, e subiu un 1,5 % en comparación mensual. A inflación subxacente do IPCH situouse no 2,8%.