A incidencia dispárase en Redondela con 992 casos por cada 100.000 habitantes
A infección activa en toda a área de Vigo achégase aos 4.000 casos
Hoxe suman 298 novos positivos
"Xa non se escoita tanto se hai tantos ingresados graves, hai tantas mortes, iso é unha cousa que tamén fai que nos relaxemos un pouco", comenta unha veciña de Redondela.
As vacinas restan gravidade pero a covid–19 segue provocando un regueiro de hospitalizacións. En Vigo teñen hoxe 110 ingresados. Esta área volve estar á cabeza de toda Galicia. De seguir ao mesmo ritmo, e hoxe foron 298 casos novos, mañá superarán a barreira dos 4.000.
Redondela é un dos concellos que máis está notando este aumento, cunha incidencia acumulada de 992 casos por cen mil.
"Pode ter moito que ver co da proximidade a Vigo, luces, a xente vén", apunta a rapaza.
"Andamos coa máscara na rúa e despois entramos nos locais pechados, que é onde máis contaxios hai, e entón aí sacamos a máscara, poñémonos a tomar o viño...", explica un veciño.
En Redondela hai 290 persoas infectadas e no ánimo dos veciños pesa a proximidade do Nadal. Quedan 15 días e todo por decidir.
"Dá igual, como se comemos ovos con patacas fritidas, pero habendo saúde", fala unha muller.
"Sempre che gusta xuntarte coa túa familia, pero sendo así, canto menos xente mellor, xa nin tíos nin nada", lamenta unha rapaza.