A hostalería poderá abrir ata a unha na véspera de Reis
Esta nova medida foi publicada no DOG este luns
Contempla unha hora máis de apertura o día anterior a un festivo

Os bares e restaurantes de Galicia poderán abrir ata a unha da madrugada, unha hora máis do que ata o de agora estaba permitido, na noite deste mércores 5 de xaneiro, previa ao festivo do Día de Reis.
Así o recolle a edición bis publicada este luns do Diario Oficial de Galicia (DOG), que ratifica que a hostalería da comunidade terá a opción de pechar á unha nas xornadas previas aos festivos.
En plena explosión da variante ómicron e nun escenario marcado polas reunións do Nadal, as últimas decisións sobre o plan da hostalería producíronse antes de fin de ano. Quedou ratificado, por exemplo, o horario límite de peche ao público nos establecementos de hostalería e restauración ás 00:00 horas, excepto a noite do venres ao sábado e do sábado ao domingo, que se situou na unha.
Tamén se aclarou que o día 1 de xaneiro de 2022 non se podían prestar servizos a clientes entre a 01:00 e as 09:00 horas da mañá; e prohibiuse o consumo en barra.
Todo iso, ademais de ratificar a redución a dez persoas por mesa ou agrupación de mesas do número máximo que poderán permanecer nas terrazas dos establecementos de hostalería, restauración e lecer nocturno.
Amplíase o horario na véspera de festivos
Na orde publicada este luns arguméntase que na previa, que saíu o 29 de decembro, "non se considerou a posible ampliación de horario nas vésperas de festivos, como si sucedeu noutras ocasións". E engade que, tendo en conta o período de Nadal e dada a tradición da festa de Reis, "considérase adecuado e proporcionado suplir a omisión da orde citada e introducir a indicada ampliación de horario".
Así, amplíase á unha da madrugada o horario de peche ao público dos establecementos de hostalería e restauración nas vésperas de festivo, equiparando o horario de peche destes establecementos nas datas indicadas ao xa previsto para as noites do venres ao sábado e do sábado ao domingo.
As medidas previstas nesta nova orde terán efectos desde as 00:00 horas do día seguinte ao da súa publicación (este martes 4 de xaneiro) ata as 00:00 horas do día 18 de xaneiro de 2022.