Publicador de contidos

Publicador de contidos

A hospitalización segue estable sen reflectir o pico de casos activos

A hospitalización segue estable sen reflectir o pico de casos activos

Ingresa menos do 1 % dos contaxiados, cando en vagas anteriores superou o 10 %

Sospéitase que non se están rexistrando moitos casos detectados por autotest

G24.gal 18/01/2022 20:50

Con preto de 74.000 casos activos de covid–19, as hospitalizacións mantéñense estables en Galicia. Adoitan subir nas semanas inmediatas a chegar ao pico.

Toca esperar para ver se ocorre, pero, en todo o caso, as autoridades sanitarias confían en que, grazas ás vacinas non se chegará a unha presión como a das anteriores vagas.

"A porcentaxe de persoas que precisan hospitalización é moito menor. Neste momento, estamos por debaixo do 1 % do total de positivos pola covid–19, cando chegamos a estar por riba do 10 %. Desde logo, se tivésemos a mesma porcentaxe, neste momento estariamos pasándoo moi mal", explica Antón Fernández, o director asistencial da área sanitaria da Coruña e Cee.

E iso que o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña é o máis saturado de Galicia. Boa parte dos 145 ingresos por covid–19 da área sanitaria ocupan varias plantas do edificio principal.

Obrigaron a reprogramar e priorizar cirurxías e a derivar pacientes postoperatorios ao Materno Infantil para deixar espazo aos enfermos da pandemia.

"O empeoramento foi incrementándose e neste momento estamos sufrindo claramente no hospital os efectos da sexta vaga", di o doutor Fernández.

O pico de casos activos da sexta vaga semella estar no máximo, pero os expertos advirten que podería estar habendo infradiagnóstico, xente cun autotest positivo que non o comunica por non necesitar baixa médica.

"É probable que sobre todo entre a xente nova que non traballa e estudantes teñamos moitos máis positivos dos que realmente estamos rexistrando", asegura Cristina Fernández, xefa de Medicina Preventiva da área sanitaria de Santiago e O Barbanza.

Por iso haberá que esperar para ver se se consolidan os datos favorables e realmente comezamos a dobregar a curva da vaga de ómicron.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade