A gasolina xa é 16 céntimos máis barata por litro ca o gasóleo
O gasóleo é o combustible que empregan arredor do 70 por cento dos vehículos en España
Encher o depósito do coche cústanos hoxe 85 euros se o facemos con gasolina, pero se o noso vehículo é diésel debermos pagar case dez euros máis.
A diferenza entre os dous combustibles, segundo o último boletín petroleiro, é duns 16 céntimos por litro. A pesar de que conta con máis impostos que o diésel, a gasolina é neste intre máis barata. Un dos principais motivos é que a cotización do gasóleo, como produto refinado, se disparou coa guerra, xa que parte del proviña de Rusia.
Pero o gasóleo é o combustible que empregan ao redor do 70 por cento dos vehículos en España. Os máis prexudicados son os transportistas.
Dende o sector non entenden que haxa tanta diferenza de prezo entre o gasóleo e a gasolina, e piden que se adopten medidas. "É pura especulación. Non responde ao prezo real do gasóleo", di Miriam Otero, secretaria xeral de Apetemcor.