A gasolina marca o seu prezo máis baixo desde xaneiro
O gasóleo baixa ata 1,705 euros tras tres semanas consecutivas á alza

A gasolina rexistrou unha nova caída durante a última semana ata rexistrar un prezo medio de 1,548 euros o litro, aplicando o desconto de 20 céntimos do Goberno, e sitúase en niveis non rexistrados desde o pasado mes de xaneiro, mentres que o gasóleo baixa ata 1,705 euros tras tres semanas consecutivas á alza.
Segundo os datos difundidos este xoves polo Boletín Petroleiro da Unión Europea, que recolle o prezo medio rexistrado en máis de 11.400 estacións de servizo españolas entre o 6 e o 12 de setembro, o prezo de ambos os carburantes segue por baixo da barreira dos dous euros o litro mesmo sen a bonificación pública.
O custo da gasolina diminuíu un 2 % no últimos sete días, mentres que o gasóleo é un 1 % máis barato que hai unha semana. Durante a última semana, a gasolina marcou o seu prezo máis baixo desde finais de xaneiro, cando se pagaba a 1,538 euros o litro, mentres que o gasóleo deu un pequeno respiro tras encadear tres subidas consecutivas coincidindo co final de agosto, período de moito tráfico nas estradas.
Cos prezos actuais, encher un depósito medio de 55 litros con gasolina custa preto de 85 euros, fronte aos case 94 euros que se pagan se se utiliza gasóleo, o cal supón pagar preto de catro euros máis que no principio do ano se se emprega gasolina, e 20 euros se se elixe gasóleo.