Detidas dúas mulleres e un menor acusados de intentar matar un home en Boiro
Os tres implicados (unha muller de 30 anos, o seu fillo menor de idade e unha amiga de 28 anos) esixíronlle cartos á vítima, que foi acoitelada no abdome
As mulleres ingresaron en prisión acusadas de intento de homicidio e o adolescente, nun centro de internamento de menores
A Garda Civil, a través do Equipo Territorial de Policía Xudicial de Noia, detivo tres persoas na localidade de Boiro como presuntas autoras dun delito de homicidio en grao de tentativa. Os detidos, procedentes das illas Canarias, atacarían un veciño da localidade, propietario dunha empresa de apartamentos no devandito arquipélago. Os feitos ocorreron durante a madrugada do pasado 6 de marzo nunha granxa próxima ao domicilio da vítima.
Segundo a investigación, os tres implicados -unha muller de 30 anos, o seu fillo menor de idade e unha amiga de 28 anos- dirixíronse ao lugar e, portando coitelos, ameazarían a vítima esixíndolle diñeiro. No transcurso do altercado, o home foi apuñalado no abdome, sufrindo lesións graves que requiriron unha intervención cirúrxica de urxencia no Hospital do Barbanza. Segundo fontes próximas á investigación, unha das mulleres iniciara unha relación sentimental coa vítima.
Tras a agresión, os presuntos autores tentaron fuxir nun vehículo de alugueiro, pero foron localizados polos axentes nas inmediacións cando trataban de acceder a un domicilio. No marco da operación, os investigadores lograron comisar os tres coitelos utilizados no ataque, así como outros obxectos que evidencian a posible premeditación do delito, como bridas, luvas de látex e cinta de carroceiro. Ademais, unha das detidas portaba ocultos 7.000 euros en efectivo.
Os detidos foron postos á disposición xudicial perante o Xulgado de Instrución nº3 de Ribeira e a Fiscalía de Menores da Coruña. Como resultado, decretouse o ingreso en prisión das dúas mulleres implicadas e o internamento nun centro de menores para o adolescente.