Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen dúas persoas que roubaban camións en Ourense para vender a mercancía que transportaban

Deteñen dúas persoas que roubaban camións en Ourense para vender a mercancía que transportaban

Aos detidos impútanselles os supostos delitos de roubo continuado e pertenza a grupo criminal

A operación, que continúa aberta, foi desenvolta pola Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Ourense e dirixida polo Xulgado de Instrución número 1 de Ourense

G24.gal 23/05/2024 11:22

A Garda Civil, no marco da operación Thunnus, desarticulou a un grupo criminal que se dedicaba a roubar camións en zonas descanso e polígonos industriais da provincia de Ourense para facerse coa mercadoría que transportaban e posteriormente vendela en Madrid. Na operación, indica o Instituto Armado, foron detidas dúas persoas e realizáronse tres rexistros domiciliarios na Comunidade Autónoma de Madrid.

A operación iniciouse en outubro, tras ter coñecemento a Garda Civil do roubo de tres vehículos articulados, e dúas cabezas tractoras en áreas de descanso e polígonos industriais da provincia de Ourense.

Os axentes constataron que os detidos se apoderaban das cabezas tractoras e enganchábanas a semirremolques que estaban cargados de mercadorías -conservas, bebidas, caramelos de goma, mobiliario de xardín- para trasladalos ata unha nave que tiñan alugada na Comunidade de Madrid, onde “tras deixar pasar un tempo, vendían a mercadoría, e posteriormente abandonaban os vehículos”.

Por estes feitos, aos detidos impútanselles os supostos delitos de roubo continuado e pertenza a grupo criminal. Durante a práctica de entrada e rexistro, a Garda Civil incautouse de nove teléfonos móbiles, quince soportes de tarxeta SIM, un inhibidor de frecuencia (12 antenas), diversas pezas de vestir e ferramentas relacionadas cos ilícitos delituosos.

A operación, que continúa aberta, foi desenvolta pola Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Ourense e dirixida polo Xulgado de Instrución número 1 de Ourense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar