Este mércores pasa á disposición xudicial o suposto autor do crime machista de Baiona
A Garda Civil continúa a procura da arma do asasinato machista de Baiona, segundo informou este martes o delegado do Goberno, José Miñones.
Ao termo dun minuto de silencio contra o crime, Miñones detallou que a Garda Civil tomou onte declaración ao suposto asasino de Beatriz Lijó, a súa exparella, que se entregou á Policía Nacional en Ourense.
Engadiu que aínda non se atopou a arma que acabou coa vida da vítima, unha muller de 47 anos achada morta cun forte golpe na cabeza.
Por iso, a Garda Civil mantén aberta a investigación e, entre outras cousas, busca o obxecto utilizado polo suposto asasino.
Un equipo de Criminalística da Garda Civil recababa este martes máis probas e tomaba pegadas para completar a acusación contra a súa exparella, o único detido por este crime machista.
A principal hipótese coa que traballan os investigadores é que a golpeou cunha machada ou ferramenta semellante ata acabar coa súa vida. Por iso intentan localizar a arma.
O detido pasará a disposición xudicial este mércores.
Beatriz é a oitava vítima de violencia de xénero deste ano no conxunto do Estado e a número 1.190 desde 2003. Esta é a primeira vítima en Galicia da violencia machista no que levamos de 2023, e desde que empezaron os rexistros nese ano 2003 esta é a vítima mortal número 67 de Galicia.
A vítima tiña dous fillos menores de idade, polo que o número de menores orfos por esta causa no Estado ascende a 13 este ano e a 390 desde 2003.
A vila de Baiona decretou tres días de loito por este asasinato e, xa este luns, medio milleiro de persoas se concentraron na vila para gardar un minuto de silencio. Este martes outra concentración para recordar a Beatriz realizouse no veciño concello de Nigrán e o Parlamento Galego iniciou a sesión cun minuto de silencio.