A Garda Civil busca o autor do acoitelamento dun menor durante o Entroido do Hío, en Cangas
O rapaz, de 17 anos, foi trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde permanece ingresado, aínda que fóra de perigo
Na aldea de Vilanova, en Cangas, quedan aínda os restos da xolda final do tradicional Entroido do Hío que se celebrou o luns. As comparsas percorren a parroquia e pola noite os máis novos seguen a festa aquí.
Pero desta volta case remata en traxedia. Segundo fontes da investigación, un mozo veciño de Cangas enleouse nunha discusión con outros dous. Un deles, disfrazado e coa cara cuberta cun pasamontañas, cravoulle algo nunha coxa á vítima, que precisou atención sanitaria.
O rapaz, de 17 anos, foi trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde permanece ingresado aínda que fóra de perigo. Ata o lugar dos feitos desprazáronse a Policía Local de Cangas e a Garda Civil que leva a investigación.
O suceso conmoveu os veciños da zona. Quéixanse de que a festa se está desvirtuando, perdendo a esencia para converterse nun botellón multitudinario.
Polo momento non foi identificado o autor da agresión e tampouco se localizou a arma utilizada. Os investigadores sospeitan que puido ser unha navalla ou unha botella rota.