Publicador de contidos

Publicador de contidos

A galega María Martinón, codirectora das escavacións en Atapuerca, ingresa na RAGC

A galega María Martinón, codirectora das escavacións en Atapuerca, ingresa na RAGC

“Atapuerca é un tesouro singular para estudar a orixe da compaixón, a vulnerabilidade, a resiliencia e a complexidade dos vínculos humanos”, asegurou

A galega María Martinón, nas escavacións de Atapuerca A galega María Martinón, nas escavacións de Atapuerca
G24.gal 25/03/2026 18:25

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe no compostelán pazo de San Roque o acto de ingreso da paleoantropóloga María Martinón Torres (Ourense, 1974) como académica correspondente da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da institución.

Na actualidade é directora do Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CEHIEH) e codirectora das escavacións de Atapuerca. É un referente internacional no campo da paleoantropoloxía e a evolución humana.

No acto estiveron presentes o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García. 

O presidente da RAGC, Juan Lema, salientou o xeito da nova académica de entender a ciencia “non só como profesión, senón como compromiso vital co coñecemento e coa sociedade”. Nesta liña, destacou “o seu compromiso e a súa capacidade para comunicar a ciencia ao gran público”. En relación ao seu campo de estudo, sinalou que “a investigación sobre a evolución humana permítenos comprender mellor o noso camiño colectivo e entender que a historia da humanidade é a historia dunha diversidade que se transforma e se adapta ao longo do tempo. Por iso o estudo da evolución humana é unha forma de comprender mellor quen somos.”

Martinón: “Atapuerca é un tesouro singular"

No seu discurso de ingreso, a doutora reflexionou sobre a natureza humana desde a medicina e a evolución, “dúas disciplinas que, ao dialogar, permiten abordar unha das preguntas máis antigas e persistentes: que nos define realmente como especie?”. A esta cuestión responde que, “lonxe das visións simplificadoras que presentan o ser humano como esencialmente bo ou irremediablemente violento, a investigación científica foi revelando unha imaxe máis complexa da nosa natureza”.

Nesta liña, destacou que “o rexistro fósil, a bioloxía evolutiva e a medicina permiten observar como cooperación e conflito conviviron desde moi antigo na historia da nosa especie. A evolución non resolveu a tensión entre o ben e o mal, senón que a incorporou como parte da nosa esencia”.

A través de restos fósiles procedentes dos xacementos da serra de Atapuerca, a nova académica ilustrou como a tensión entre o comportamento prosocial e a individualidade acompañaron a liñaxe humana desde as súas orixes.

“Os restos humanos conservan pegadas tanto de violencia interpersoal como de coidado prolongado cara a individuos vulnerables, o que permite reconstruír non só a bioloxía, senón tamén as dinámicas sociais dos nosos antepasados. Neste sentido, Atapuerca preséntase como un laboratorio privilexiado, un tesouro singular para estudar e comprender a orixe da compaixón, a vulnerabilidade, a resiliencia e a complexidade dos vínculos humanos” manifestou.

​​O encargado de realizar a laudatio foi o académico Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade