Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Fronte Polisario rexeita as negociacións que lexitimen a ocupación marroquí

A Fronte Polisario rexeita as negociacións que lexitimen a ocupación marroquí

O movemento de liberación nacional considera innegociable a celebración dun referendo de autodeterminación

Estima que a resolución aprobada este venres no Consello de Seguridade da ONU agravará o conflito

Saharauís reivindican o dereito á autodeterminación Saharauís reivindican o dereito á autodeterminación
G24.gal 01/11/2025 12:30 Última actualización 01/11/2025 13:19

A Fronte Polisario rexeita participar en negociados baseadas nas propostas que lexitimen a ocupación marroquí do Sáhara Occidental e priven o seu pobo do dereito á autodeterminación.

"A Fronte Polisario afirma que os enfoques unilaterais que buscan sacrificar o Estado de dereito, a xustiza e a paz por intereses políticos a curto prazo non farán senón agravar o conflito", declara o movemento independentista saharauí nun comunicado.

Deste xeito, reacciona á resolución aprobada este venres no Consello de Seguridade da ONU con 11 votos a favor, 3 abstencións, ningún en contra e sen a participación de Alxeria.

O texto prorroga a misión das Nacións Unidas para o referendo do Sáhara Occidental (MINURSO) por un ano e apoia unhas negociacións sen condicións previas tomando como base a proposta de autonomía marroquí.

A mención do dereito á autodeterminación na resolución final, que non aparecía no primeiro borrador de Washington, supón para a Fronte Polisario unha resposta clara aos intentos de Rabat de liquidar definitivamente o conflito ao seu favor co forte apoio dalgunhas potencias.

Considera que tenta impulsar unha desviación perigosa e sen precedentes dos fundamentos adoptados ata o de agora polo Consello, que inclúe elementos que violan o status internacional do Sáhara Occidental como territorio pendente de descolonización.

Votación da resolución no Consello de Seguridade da ONU Votación da resolución no Consello de Seguridade da ONU

Manifestacións

O movemento independentista lembra as manifestacións rexistradas esta semana durante a negociación da resolución de saharauís que reivindicaban o dereito á autodeterminación, mediante a celebración dun referendo, un extremo que consideran innegociable.

A Fronte asegurou estar disposta a implicarse de xeito positivo no proceso de paz e a establecer negociacións directas coa outra parte baseándose no espírito e o contido da proposta presentada ante o secretario xeral António Guterres o pasado 20 de outubro.

A dita proposta abría a porta aos contactos directos con Marrocos para alcanzar unha solución mutuamente aceptable na que o plan de autonomía do Sáhara Occidental fose unha das opcións para votar nun futuro referendo pero non a imposta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade