A forza dunha onda deixa inconsciente un rapaz na praia da Frouxeira, en Valdoviño
O mozo recupérase na Unidade de Lesionados Medulares do CHUAC
Unha tarde de verán con néboa e fortes ondas no mar. Foi unha desas ondas a que derrubou un rapaz, menor de idade , que se atopaba na auga.
"Xa era a hora de recoller e vimos moita xente correndo e dicindo que había un surfista en apuros", explica Diego Montes, socorrista da Frouxeira.
O rapaz recibiu o impacto no pescozo e tiña dificultades para mover os brazos.
"Axudounos un bombeiro que estaba fora de servizo e había tamén un médico con el. Iso foi o que nos axudou", di Diego Montes.
De inmediato montouse un operativo no que participaron axentes de Policía Local, o 061 e os socorristas do areal. Finalmente o rapaz puido ser rescatado da auga e foi trasladado á Unidade de Lesionados Medulares do CHUAC, onde se recupera nestes momentos.
Os especialistas alertan das consecuencias desde tipo de lesións.
"Son dramáticos porque afectan a xente entre 15 e 40 anos. E na maior parte afecta homes e non mulleres. Un dato moi significativo da cuestión", asegura Antonio Montoto da Unidade de Lesionados Medulares do CHUAC.
E advirten: "Simplemente ter conciencia de que che pode pasar é dabondo. Comprobar o fondo da auga, tirarte en condicións axeitadas".
Botarse ao mar con cabeza e non de cabeza.