Deteñen en Vilagarcía unha muller por agredir e ameazar a nai: "Vaime matar"
A nai pediu auxilio dende o balcón e a Policía Local atopou a moza atrincheirada, coitelo en man
Os veciños denuncian conflitividade constante debido aos problemas psiquiátricos da moza
Detrás das persianas, sempre baixadas, agóchase un drama familiar.
"É unha veciña que vive coa nai e que ten algún problema porque vén a ambulancia dúas ou tres veces ao mes".
"É un 'senvivir', día si e día non. Dúas ou tres veces á semana vén a policía ao edificio. Sempre están con 'jaleos".
"Jaleos" derivados da enfermidade mental da máis nova. Esta vez a nai colleu medo. Saíu ao balcón pedir auxilio, berrando que a filla a quería matar. A Policía Local atopou a moza pechada nun cuarto, moi alterada e coitelo en man.
"Foi por cartos. Pedíalle cartos á nai. A nai díxolle que non llos daba e empezaron".
"Non é a primeira vez que pasa algo parecido".
Detivérona por agresión e ameazas. As de sempre. Advirten que é un perigo para ela mesma e para a veciñanza.
"Xa tentou tirarse polo balcón varias veces, abriu unha bombona querendo facela explotar, a golpes e martelazos nas paredes que cos golpes agrietou unha ventá, ameaza á xente do edificio...", denuncia desesperada a veciña que máis o sofre.
Os berros, os golpes, as ameazas reviven pantasmas de hai dous anos, cando a poucos metros outro mozo matou a nai.
"Da outra vez quedamos todos en shock e pola mente destas persoas non sabes o que pode pasar. Podería ser un espello a imitar", advirte outra muller dun negocio próximo.
Piden respostas ante estas chamadas de atención, unha intervención a tempo que evite males maiores.