Publicador de contidos

Publicador de contidos

A folga dos autobuses paraliza o transporte de viaxeiros en Galicia

A folga dos autobuses paraliza o transporte de viaxeiros en Galicia

Os sindicatos cifran o seguimento do paro en máis dun 85 por cento

Seis de cada dez rutas escolares canceláronse pola folga

Estación de autobuses de Santiago o venres pola tarde
G24.gal 31/03/2023 20:16 Última actualización 31/03/2023 20:49

Os sindicatos cifran en máis dun 85 por cento o seguimento da folga convocada no sector do tranporte de viaxeiros.

O paro deixou as estacións de autobuses completamente paralizadas nalgúns momentos do día. Especialmente nas provincias de Lugo e da Coruña, onde menos se cumpriron os servizos mínimos. Houbo rutas de longo percorrido sen ningún servizo.

Santos Sánchez, de CCOO, di: "Nas catro provincias, nas cidades máis importantes, podemos falar dun seguimento superior ao 85%. E sen incidentes de ningún tipo."

Os viaxeiros notaron a folga durante todo o día.

"Eu viaxo ao Porto, que teño que coller un avión, e non sei se vou chegar ","Teño que ir a Ponteareas, pero non sei se poderei ", "Vimos desde Mondariz en taxi ata Vigo. Temos unha consulta no hospital", contaron algúns dos afectados.

Tamén se notou a folga nos servizos interurbanos. Estiveron operativos a penas un 40 por cento dos previstos pola Xunta. 

Cecilia Tarela, representante da Fegamp, considera que "a folga foi un éxito porque se parou o transporte de viaxeiros, e conseguimos parar tamén o transporte escolar".

No caso do transporte escolar os servizos mínimos fixados eran do cen por cento. Pero só se prestaron un 41 por cento. Canceláronse seis de cada dez rutas escolares pola folga.

Reclaman melloras laborais e salariais

A folga convocárona os sindicatos Comisións Obreiras, UXT e CIG, para reclamar melloras laborais e salariais para o sector do transporte colectivo por estrada. Un servizo esencial, que, denuncian os sindicatos, ten unhas condicións laborais precarias.

"Os condutores e condutoras de autobuses teñen que estar ben valorados e ben pagados. Hai que ser conscientes de que levan moitos pasaxeiros e teñen que ter unhas condicións de traballo máis dignas", di Martín Martínez, de UXT.

Reclaman que se renoven os convenios colectivos das catro provincias, que levan paralizados dous anos. E que se actualicen os salarios.

Carlos Lamosa, da CIG, conta: "O salario base dun condutor é de 990 euros ao mes, 33 euros por día".

"Pedimos o IPC máis un punto. Pero hai outras cuestións de conciliación, de permisos retribuídos que tamén hai que arranxar", explica Xesús Pastoriza, da CIG.

Juan Miramontes, de CCOO, explica que "a oferta que  fai a patronal é dun 0,8%, cos salarios conxelados desde 2018".

Desde a patronal do sector din que a suba xeneralizada de prezos incrementoulles os gastos un 15%, e pídenlle á Xunta que revise os contratos de concesión.

José Carlos García Cumplido, de Transpacar, argumenta: "Sen que sexa a propia a administración, titular destes servizos, a que acometa esta revisión e incremento os prezos destes contratos, non temos capacidade para pagarlles máis aos traballadores e á vez poder repercutilo".

Os sindicatos piden ademais que as empresas renoven o parque de autobuses, que advirten, está moi envellecido e pon en risco a seguridade do transporte colectivo. Se non hai avance nas súas demandas, non descartan convocar novos paros despois da Semana Santa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar