Sanidade minimiza a folga e pide á ministra que actúe ante os paros previstos para decembro
A Xunta cifra en algo menos dun 5 % o seguimento nesta segunda xornada de paro; a CIG fala dun seguimento importante e O´Mega cífrao nun 60 %
Segundo día de folga na Atención Primaria e o impacto na actividade asistencial non chegou ao 5 por cento, segundo as primeiras estimacións da Xunta.
A valoración é diferente por parte dos sindicatos convocadores. A CIG fala dun seguimento importante e desde O'Mega, que hoxe se concentraban diante a Consellería de Sanidade, apuntan a un seguimento do 60 por cento. Os dous sindicatos manteñen os paros para maña. Comisións Obreiras, CSIF e UXT desmarcáronse tras chegaren a un acordo coa consellería.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, minimizou o impacto na actividade asistencial da segunda xornada de folga en Atención Primaria convocada polos sindicatos O'Mega e CIG, que cifrou en menos do 8 % nos centros de saúde.
Gómez Caamaño compareceu este xoves en conferencia de prensa para informar do impacto da segunda xornada de paros convocados por estes dous sindicatos, unha vez que tras as negociacións dos últimos días os sindicatos UXT, CSIF, UXT e Simega declinaron participar na folga.
Carta á ministra e preocupación pola folga de decembro
Durante a súa comparecencia, o conselleiro mostrou a súa "preocupación" polos paros convocados para o mes de decembro tanto por médicos como por técnicos sanitarios e avanzou que enviou unha carta á ministra de Sanidade, Mónica García, para pedirlle "un máximo esforzo de negociación" que leve a unha desconvocatoria da folga para os días 9, 10, 11 e 12 de decembro.
Esta folga "ameaza con paralizar gravemente a asistencia unha semana enteira en decembro", dado que os días anteriores son un festivo e unha fin de semana e coincidirá cun momento previsto de crecemento da curva da gripe, dixo Gómez Caamaño.
Segundo explicou, cada día de folga de decembro "pode chegar a paralizar 336 intervencións cirúrxicas, máis de 10.000 consultas e 600 probas diagnósticas".
Esa folga está convocada contra a reforma do estatuto marco anunciada polo Ministerio, polo que durante a celebración do Consello Interterritorial de Saúde, previsto para mañá venres, anunciou que trasladará a Mónica García a experiencia negociadora de Galicia para lograr que catro sindicatos dos seis convocadores declinasen participar na folga desta semana.
Está previsto, ademais, que o venres da próxima semana, 5 de decembro, reúnase de novo a mesa sectorial de Sanidade para negociar a posta en marcha dos acordos que levaron a estes catro sindicatos a desconvocar a folga.
Seguimento por áreas sanitarias
Respecto á segunda xornada de folga celebrada este xoves, Gómez Caamaño dixo que durante esta mañá o seguimento foi dun 4,94 %; con picos máximos na área de Santiago do 9,44 % e mínimos na área de Ourense, dun 1 %.
Na área sanitaria da Coruña-Cee foi do 5,6 %; na de Ferrol, do 5 %; na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, do 1,9 %; na de Pontevedra e O Salnés, do 5,3 %; e na de Vigo, do 5,5 %.
O'Mega cuestiona as cifras de seguimento da Consellería
Antes da comparecencia do conselleiro, un grupo de médicos do sindicato O'Mega concentrouse ante o edificio que alberga a Consellería de Sanidade. O sindicato médico explica que Sanidade obtén a porcentaxe de todos os profesionais de Atención Primaria, e eles só convocan a facultativos.
Un dos seus portavoces, Alberto Freire, da área da Coruña, dixo que as cifras de seguimento da folga que ofrece a Consellería non son verdade, xa que se fan sobre o total de facultativos do sistema, argumentou, e asegurou que na área da Coruña o seguimento é do 75 % .
Preguntado por esta cuestión, o conselleiro dixo non entender de onde sae a discrepancia, xa que os datos son os que lle proporcionan.
Coincidindo coa comparecencia do conselleiro, ao redor dun centenar de médicos concentráronse fronte á Consellería de Sanidade, convocados polo sindicato O'Mega. Alí denunciaron estar "fartos" de "palabras baleiras" e esixiron solucións.
"Levamos 20 anos avisando de que ía chegar este momento coa xubilación do que chamamos os baby boomers. E ninguén nestes 20 anos puxo ningún remedio. E cales son os remedios que propoñen agora? Facer cursos a médicos que non teñen o MIR ou, como non temos médicos, contratos de escravos para que os compañeiros que están a terminar, no canto de quedar en Galicia, marchen a outras comunidades autónomas", explicou Alberto Freire.