A Fiscalía pide entre 22 e 27 anos de cárcere para os acusados de matar a Samuel Luiz
A Fiscalía sostén que a reacción de dous dos agresores foi "moito máis virulenta" ao "interpretar" que a vítima era homosexual
O Ministerio Público solicita 25 anos de prisión para os dous acusados que se atoparon con Samuel Luiz á saída dun pub na madrugada do 3 de xullo de 2021. Mentres o mozo coruñés facía unha videochamada, os agresores increpárono cunha reacción "moito máis virulenta" ao interpretar, di a Fiscalía, que a vítima era homosexual, debido á súa "animadversión" cara a ese colectivo. Unha das acusadas procurou ademais que ninguén axudase ao mozo agredido.
Á pelexa uniuse outro dos acusados, para o que piden 22 anos de cárcere, que, segundo o Ministerio Público, era "perfectamente consciente da brutalidade da acción" e das súas consecuencias.
Para outros dous acusados, a Fiscalía solicita 22 anos de prisión por un delito de asasinato e para un deles pide outros cinco anos máis por un delito de roubo con violencia por subtraerlle o teléfono móbil á vítima tras a malleira mortal.
Na agresión participaron máis persoas, entre eles dous menores de idade, que chegaron a un acordo previo ao xuízo, e que foron condenados en 2022 por un delito de asasinato.
Aos cinco acusados maiores de idade impútaselles un delito de asasinato con aleivosía e asañamento.
Segundo o escrito da Fiscalía, os acusados actuaron contra Samuel Luiz cunha "crueldade e deshumanización extremas".