Piden nove anos de prisión para o acusado de acoitelar un menor nunha liorta en Santiago
O acusado recoñeceu no xuízo que colleu unha navalla do chan, pero nega que agredise a vítima con ela
Primeira xornada da vista polo acoitelamento dun menor o 8 de xaneiro de 2023 durante unha liorta fronte a unha coñecida discoteca do ensanche compostelán.
O acusado, que tiña 24 anos daquela, asegura que saíu da discoteca e viu un amigo enleado nunha pelexa con varias persoas e que interveu para defendelo e para intentar disolvela. Durante a liorta asegura ter visto dúas navallas e que alguén o agrediu cunha delas. Que se decatou despois cando viu o sangue no suadoiro que levaba. Di que el colleu unha navalla que caeu ao chan, pero nega que acoitelase a vítima.
A vítima, que era menor no momento dos feitos asegurou que non pode identificar o autor das coiteladas no medio da lea. Decatouse minutos despois cando sangraba e se esvaeceu. Tiveron que extirparlle o bazo.
Durante a vista declararon os axentes que interviron trala liorta. Detiveron o acusado aos poucos minutos, preto do lugar da agresión, grazas á descrición que deran varias testemuñas, pero non levaba ningunha arma branca.
Das catro testemuñas que declararon este mércores ningún viu claramente a agresión, pero un deles é clave para a acusación porque viu como o acusado collía unha navalla cando saíu da discoteca.
A vista continuará este xoves. Presentaranse probas periciais como as de ADN do sangue que había no suadoiro do acusado. Determinarán se era súa ou da vítima.
A Fiscalía pide 9 anos de prisión para o acusado por un delito de tentativa de homicidio.