Publicador de contidos

A Fiscalía e as outras acusacións pedirán prisión permanente para o autor do triplo crime de Valga

A Fiscalía e as outras acusacións pedirán prisión permanente para o autor do triplo crime de Valga

José Luis Abet leva na cadea dende que matou a exmuller, a exsogra e a excuñada

G24.gal 03/11/2021 10:08

Prisión permanente revisable é a pena que pedirá a Fiscalía para o autor do triplo crime machista de Valga. José Luis Abet leva na cadea dende que matou, diante dos seus fillos pequenos, a súa exmuller e tamén a nai e mais a irmá dela en setembro de 2019. As dúas acusacións particulares pedirán a mesma pena. 

Din que a gravidade dos feitos e as súas condicións cumpren todos os requirimentos para castigalos coa pena máis dura da lei unha vez que o delito polo que se vai xulgar é asasinato. Defenden que José Luis Abet preparou todo para causar a morte das súas vítimas sen que tiveran opción a defenderse.

Manuel Martín García, avogado da acusación particular di que "tendo en conta a natureza dos feitos e a duración das penas de cada un deles individualmente, fan máis que razoable que tanto a Fiscalía como esta acusación que solicite a prisión permanente revisable".

Pola súa parte, Francisco Lago, quen representa á acusación popular asegura que "o homicidio, o feito de producir a morte fíxose nunhas circunstancias que desvalorizan máis esa acción, consideramos que o comportamento foi aleivoso. Este señor realiza a acción empregando medios, modos e xeitos que buscan a realización do obxectivo perseguido de morte das tres persoas".

Din que procedemento aínda está aberto e que os avogados da acusación particular, que defende os intereses da familia das vítimas e a acusación popular aínda non recibiron formalmente a cualificación da Fiscalía, que entenden se ten que facer máis adiante unha vez se comece proceso do xuízo.

"Aínda faltan por recibir o resultado dunhas probas, polo que non é o momento do procedemento para que a Fiscalía manifeste a pena a solicitar iso virá despois, cando remate a fase de instrución", explica o representante da acusación particular.

Recentemente a Audiencia Provincial de Pontevedra rexeitou a petición de liberdade condicional que fixo o acusado do triplo crime. A argumentación do maxistrado basease no perigo de fuxida. Unha petición a que tamén se opuxeron as dúas acusacións.

Primeiro matou a exmuller, diante dos fillos

Os feitos ocorrreron o 16 de setembro de 2019. José Luis Abet Lafuente, de 45 anos conduciu ata esta casa, na aldea de Carracido, o que fora o seu domicilio familiar antes de separarse da súa muller, Sandra Boquete.  Acudiu armado cunha pistola, para a que non tiña licenza. 

Preto das oito da mañá Sandra Boquete, de 39 anos, saíu da casa para levar os seus dous fillos ao colexio e encontrouse con el, estaba dentro da propiedade.  Alarmada, chamou por teléfono a súa irmá e a súa nai. Non tivo máis opcións, cando estaba dentro do coche disposta a saír, o seu exmarido disparoulle e matouna, os nenos, de 4 e 7 anos, estaban tamén dentro do vehículo

A reconstrución do crime permitiu descubrir que tras o disparo mortal á súa exmuller, José Luis Abet fuxiu do lugar, pero cruzouse co coche en que ían a súa excuñada e a súa exsogra, Alba Boquete e María Elena Jamardo, que acudían á chamada de auxilio de Sandra Boquete. 

Varias testemuñas da veciñanza confirmaron que o presunto asasino deu a volta e regresou á escena do crime. Unha vez alí disparou outra vez, contra a nai e a irmá da súa exmuller, e matounas. 

Despois fuxiu á casa dos seus pais, en Ames, dende alí chamou a Garda Civil para entregarse. O autor confeso do triplo crime machista de Valga agarda agora a ser xulgado por tres delitos de asasinato, un de tenza ilícita de armas e dous delitos de lesións psicolóxicas contra os seus fillos, vítímas tamén da violencia de xénero. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade