O Día das Letras Galegas celebra as cantareiras, a nosa poesía popular oral
O Día das Letras Galegas dedícase este ano as creadoras e transmisoras da nosa rica tradición oral
A celebración personifícase nas Pandereteiras de Mens, da parroquia do mesmo nome en Malpica; Rosa e Adolfina Casás, da Vila da Igrexa, en Cerceda, e Eva Castiñeira, do lugar de Agranzón, en Muxía
As homenaxeadas eran todas labregas, nacidas a principios de século XX e moitas das súas coplas que cantaban e bailaban aprendéranas das súas nais e avoas
As cantigas das mulleres transmisoras e creadoras da poesía popular oral e de todo un legado cultural que brillou mesmo nos séculos escuros da nosa lingua son as homenaxeadas este ano no Día das Letras Galegas. Son milleiros, pero a celebración está personificada nas Pandeireteras de Mens, Rosa e Adolfina Casás e Eva Castiñeira. Todas eran mulleres labregas nacidas a principios do século XX e cunha vida dura que animaron coa liberdade que lles daba cantar e bailar.
As pandeireteiras de Mens labregas, da parroquia malpicá que lles deu nome, eran Prudencia Garrido e a súa irmá Asunción, Manuel Lema, Adela Rey, Teresa Lema e Teresa García. Formando parte da Agrupación Folclórica Aturuxo foron nos anos 70 as primeiras cantareiras en espallar as súas coplas por Europa e mesmo viaxaron a Arxentina. A pandeirada de Mens, unha muiñeira, converteuse na peza estrela do seu repertorio e o tocar co puño pechado foi o seu sinal de identidade. Na Televisión de Galicia actuaron varias veces nos anos 80 deixándonos un testemuño extraordinario das súas voces.
Adolfina e Rosa Casás, tía e sobriña, ambas fillas de solteira, naceron e criáronse xuntas na Vila da Igrexa, en Cerceda. Cantareiras e pandeireteiras con sona na contorna a súa historia persoal coñecémola gracias ao músico Richi Casás, neto de Rosa. As súas coplas foron recollidas no ano 1980 pola musicóloga Dorothé Schubarth que as incorporou ao 'Cancioneiro Popular Galego'.
Do lugar de Agranzón, en Muxía, é Eva Castiñeira. Desde pequena xa cantaba nos bailes e romarías e como moitas mulleres da época emigrou á Coruña para traballar. Alí, grazas ao encontro cun dos socios da discográfica Ruada, a súa voz quedou rexistrada no álbum 'Recolleita' en 1981. Ese mesmo ano cantou canda a súa irmá Engracia con Milladoiro, o primeiro concerto dunha cantareira xunto a un grupo folk. O grupo Leilía dedicoulle no 2012 o seu disco 'Consentimento' á súa memoria e a todas as mulleres creadoras e transmisoras da tradición oral galega.