Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Eurocámara atrasa a setembro o discurso de Sánchez para evitar a campaña electoral

A Eurocámara atrasa a setembro o discurso de Sánchez para evitar a campaña electoral

O presidente do Goberno debía dirixirse aos eurodeputados o 13 de xullo para explicar as prioridades da presidencia de quenda da UE

O Goberno español e o Partido Popular Europeo solicitaran adiar esa comparecencia

G24.gal 02/06/2023 15:10

O Parlamento Europa decidiu aprazar a setembro o discurso do presidente do Goberno de España como presidente de quenda da Unión Europea tras a petición do Goberno e do Partido Popular Europeo neste sentido, para evitar que teña lugar en plena campaña electoral a dez días das eleccións e permitir así que sexa xa o presidente electo quen interveña.

Fontes parlamentarias confirman a petición do Goberno este venres e sinalan que a institución procederá a atrasar o discurso fronte ao pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo, previsto inicialmente para o 13 de xullo e que co adianto electoral caería en plena campaña e con Sánchez como presidente en funcións.

Este venres, o Goberno informou de que pedira pospoñer a despois das eleccións o discurso inicial da Presidencia de quenda da UE, eludindo así que teña lugar a poucos días da votación.

Fontes de Moncloa confirmaron a solicitude formal á presidenta da Eurocámara, a popular maltesa Roberta Metsola, este venres pero indican que a decisión xa fora adiantada ao Parlamento Europeo o día seguinte ao anuncio de convocatoria de eleccións anticipadas.

En calquera caso, insisten en que a presidencia do Consello da UE é unha cuestión de país e vaise desenvolver con plena normalidade a pesar da convocatoria electoral.

O líder do Partido Popular Europeo, Manfred Weber, instara tamén a Metsola a atrasar o discurso de Sánchez a despois das eleccións. O PPE aduce nunha carta datada este xoves que ten que ser o presidente electo o que presente as súas prioridades para o semestre europeo afastado das "batallas políticas domésticas".

Namentres, desde as filas socialistas no Parlamento Europeo destacan a "responsabilidade e lealdade institucional" de Sánchez coa Eurocámara ao renunciar polo momento ao discurso e critican que Weber fai unha intromisión na política española.

"Weber e o PP, como sempre, tentan facer un uso partidista e manipulador das institucións europeas, antepoñendo o seu interese ao interese xeral e ao de España. Novamente o PP demostrou ser unha oposición irresponsable", asegurou a líder dos socialistas na Eurocámara, Iratxe García, quen acusou aos populares de "torpedear" a presidencia de quenda de España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade