A Escola de Gaitas de Ortigueira celebra o seu 50 aniversario
Fundouna o mestre e gaiteiro Xabier Garrote en novembro de 1975.
A banda da Escola de Ortigueira é a decana das bandas de gaitas galegas
Intérpretes de distintas xeracións que pasaron pola escola tocarán xuntos no Festival do Mundo Celta de Ortigueira
Xabier Garrote foi o fundador e primeiro director da Escola de Gaitas de Ortigueira, que está a piques de cumprir 50 anos de vida.
" Eu sabía tocar a gaita e por outra parte era mestre, e a obriga de todo mestre e ensinar o que sabe. Ortigueira tiña un asentamento musical importantísimo, pero con deficiencias no que era a música tradicional", explica Xabier Garrote.
"Somos a banda decana de Galiza de bandas de gaitas. Antes había grupiños de cinco, ou seis , ou sete compoñentes, pero con intención de formación de banda de gaitas somos a primeira", explica o director da Escola de Gaitas de Ortigueira, Rodrigo López.
Ao longo destas cinco décadas pasaron pola escola catro directores. Con eles formáronse centos de intérpretes de distintas xeracións. É o caso e María Fernández, unha das primeiras gaiteiras que tivo a escola, a mediados dos anos 70.
"Recordo que naquela época as mulleres non tocaban a gaita en xeral. O que pasa é que entre que Xabier estaba de profesor e se apuntaron algunhas alumnas e amigas miñas, apunteime eu tamén polo meu irmao. Acórdome que o pasabamos moi ben e tiñamos moita afección por tocar", explica María Fernández.
A escola foi ademais a impulsora do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, no que participa en todas as súas edicións.
"A escola e gaitas ten un vínculo especial co festival, porque fomos os fundadores, e o festival ten ese vínculo coa escola porque a día de hoxe seguimos dentro da organización, e celebrando o aniversario, como ten que ser, dentro do festival", asegura o presidente da Escola de Gaitas de Ortigueira, Bruno Lozano.
Os ensaios culminarán co día máis agardado. O 12 de xullo, a Escola de Gaitas desfilará no festival de Ortigueira para celebrar o seu 50 aniversario.