A entrada en vigor da nova ABAU adíase ata o curso 2027/2028
A Xunta di que o atraso é "unha fuxida cara adiante" e pídelle ao Goberno consenso
O Ministerio de Educación mantén que a proba única para toda España é inviable
A Xunta insiste en que as novas probas de acceso á universidade agravan as desigualdades entre os alumnos en función do territorio. Foi na reunión da Conferencia Sectorial de Educación en que se adiou un ano, ata 2028, a entrada en vigor da nova ABAU.
O conselleiro de Educación cualifica a prórroga como "unha fuxida cara adiante" do Goberno e pídelle que busque o consenso. Román Rodríguez aposta por unha proba única para toda España e con criterios homoxéneos.
No Ministerio responden que con esta prórroga o que buscan é o consenso das 17 comunidades autónomas, pero manteñen que a proba única é inviable.
"Por que non se fixo esa proba única?, porque é inviable xuridicamente, hai unha sentenza moi clara do Tribunal Constitucional. O Ministerio de Educación aspira a un modelo de proba de ABAU que teña o consenso de todas as comunidades autónomas", afirma José Manuel Bar, director xeral de Planificación Educativa.
"O consenso non é só dicilo, é practicalo. Buscar os acordos non é só dicilo, hai que practicalo. Aquí estase excluíndo as Comunidades Autónomas, que teñen aproximadamente o 50 % dos alumnos. Se existe unha única porta para acceder á universidade, o lóxico é que non haxa 17 camiños diferentes", asegura Román Rodríguez, conselleiro de Educación.