Publicador de contidos

Publicador de contidos

A EMA apoia as vacinas de Pfizer e Moderna adaptadas a variantes da covid

A EMA apoia as vacinas de Pfizer e Moderna adaptadas a variantes da covid

"Necesitamos estar preparados para afrontar outro inverno con Covid-19", di a comisaria europea de Sanidade

Poden administrarse polo menos 3 meses despois da última dose recibida dunha vacina contra o coronavirus

G24.gal 01/09/2022 16:43

A Axencia Europea de Medicamentos apoiou este xoves autorizar na Unión Europea o uso das vacinas adaptadas a novas variantes do SARS-CoV-2 desenvolvidas polas farmacéuticas Pfizer e Moderna como reforzo en persoas maiores de 12 anos.

Tras unha reunión extraordinaria na súa sede en Ámsterdam, a EMA explicou nun comunicado que estas vacinas bivalentes "poden ampliar a protección fronte a diferentes variantes e, por tanto, espérase que axuden a manter unha protección óptima" fronte á Covid-19 a medida que evoluciona o virus.

As novas inxeccións poderían administrarse polo menos 3 meses despois da última dose recibida dunha vacina contra a Covid-19, e a axencia alerta de que as vacinas orixinais de Pfizer e Moderna "seguen sendo eficaces (como vacinación primaria) para previr enfermidades graves, hospitalizacións e mortes".

"Estas vacinas son versións adaptadas das vacinas orixinais destinadas a atacar a subvariante ómicron BA.1, ademais da cepa orixinal de SARS-CoV-2. As vacinas adáptanse (é dicir, actualízanse) para que coincidan mellor coas variantes que circulan", sinalou a axencia europea.

En canto á seguridade, os efectos secundarios que se observaron nos ensaios clínicos coas vacinas adaptadas son comparables aos observados coas orixinais, por tanto "leves e de curta duración", asegurou.

A EMA, que lembra a importancia das vacinas adaptadas para combater a pandemia, debido a que "non é posible predicir como evolucionará o virus no futuro e que variantes circularán este inverno", enviará agora as súas conclusións á Comisión Europea, que ten a última palabra sobre a aprobación destas vacinas.

"Outras vacinas adaptadas que incorporan diferentes variantes están actualmente baixo revisión por parte da EMA ou se presentarán pronto e, se se autorizan, ampliarán aínda máis a gama de vacinas dispoñibles", agrega.

A comisaria europea de Sanidade, Stella Kyriakides, sinalou nun comunicado que o Executivo comunitario procederá "cunha autorización acelerada destas vacinas para garantir que poidan implementarse rapidamente en toda a UE".

A maioría dos países europeos conta xa coa posibilidade dunha nova onda de contaxios no outono e a necesidade de reforzar cunha nova dose a inmunidade da poboación, especialmente das persoas máis vulnerables e os anciáns.

"Necesitamos estar preparados para enfrontar outro inverno con Covid-19", avisou Kyriakides, que chamou os países da UE para planificar e poñer en marcha as súas campañas de vacinación de fronte ao outono.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos