Publicador de contidos

Publicador de contidos

Carmen Durán di que esta vaga é diferente e que non se pode predicir cando acadará o pico

Carmen Durán di que esta vaga é diferente e que non se pode predicir cando acadará o pico

A directora xeral de Saúde Pública recomenda que as reunións do Nadal se limiten a un único núcleo familiar

G24.gal 17/12/2021 13:41

A directora xeral de Saúde Pública da Xunta, Carmen Durán, explicou na Radio Galega que esta vaga da pandemia está sendo moi diferente ás outras: 

"Os datos de incidencia acumulada van crecendo, os casos activos tamén, pero é un crecemento máis constante que o de ondas pasadas. Antes había un crecemento máis abrupto e podíase predicir exactamente o pico, pero este comportamento distinto, sumado a que aínda hai que agardar polos efectos da ponte, fan que non poidamos dicir cando acadaremos o pico da vaga".

Engade Durán que "outra diferenza fundamental é a menor afectación a nivel asistencial e a vacinación, na que Galicia é líder en segundas doses e tamén nos reforzos", pero que "non pode ser óbice para que baixemos a garda, hai que seguir sendo responsables e coidarse porque a situación pode cambiar en calquera momento e sobre todo nunha época na que proliferan as patoloxías respiratorias".

A directora xeral de Saúde Pública recoñece que a aparición de gromos derivados de ceas e eventos lle produce "tristeza" e "reflexión", "haberá que seguir intensificando a mensaxe que se manda para todos de responsabilidade".

De cara ao Nadal, Carmen Durán non adianta decisións, pero aposta por seguir unhas recomendacións básicas: "Se se fai unha reunión familiar, que non sexan máis de oito ou dez persoas, usar máscara en interiores, unha ventilación axeitada e interactuar cun único núcleo familiar durante as festas".

Explica Durán que "non serán unhas festas igual que as de antes, pero a vida tampouco o é, e a prioridade é previr contaxios".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade