A derrota ante a Real Sociedade non empaña a festa copeira do Negreira (0-3)
Boa imaxe dos de Adrián Vázquez que obrigaron á Real Sociedade a amosar a súa mellor cara
Día inesquecible na vila coruñesa onde 3.000 afeccionados ateigaron ó García Calvo
Rematou o soño do Negreira e a súa andaina na Copa do Rei. Pero o vivido no García Calvo quedará na memoria dos tres mil afeccionados que estiveron no campo alentando aos seus. Pese a evidente inferioridade local, os de Adrián Vázquez fixeron un gran partido e deixaron unha boísima imaxe no seu choque copeiro ante o equipo txuri urdin.
Na primeira metade Mikel Goti adiantou á Real Sociedade nunha das poucas chegadas vascas á área local. Excepto nese lance, o Negreira non sufriu en demasía e incluso tivo varios achegamentos onde meteu o medo no corpo ós donostiarras. Na segunda parte si que a Real Sociedade fixo valer a súa categoría e dominou máis. Zakharian primeiro e Turrientes despois ampliarían a vo marcador para colocalo no 0-3 definitivo. O resultado era o de menos. E ao final, a piques estivo de chegar o gol da honra dos locais pero o internacional croata Caleta Car despexou sobre a liña de gol o remate de Alberto Freire que xa superara ó meta Marrero. Antes, Sergio Francisco, adestrador da Real, daríalle máis galóns á eliminatoria coa entrada ao céspede do internacional español Mikel Oyarzábal que viviu in situ a festa de toda a vila de Negreira e o seu soño copeiro.