A Coruña volver ser a sede do campionato do mundo de dardos electrónicos
Lanzadores de máis de vinte países afinan a puntería en Expocoruña
Por segundo ano consecutivo, A Coruña é sede do campionato do mundo e do campionato de España de dardos electrónicos.
"Este é o campionato mundial de dardos electrónicos Phoenix. É a marca máis grande do mundo. Ten 37.000 máquinas en 28 países", explica Ángel Cabana, organizador do torneo.
En Expocoruña xuntaron máis de duascentas máquinas. Os competidores chegan ao campionato despois de superar varias fases previas de clasificación. A diana precisa concentración, estratexia e, sobre todo, precisión.
"Como en todas as cousas mecánicas, hai que practicar moito e xogar, xogar e xogar para ser bo", di un xogador.
Esixe horas de xogo, pero non unhas grandes condicións físicas. Por iso, o perfil do lanzador de dardos é enormemente heteroxéneo.
"Cando fas un deporte e ves que fisicamente non podes vas dexenerando a outros nos que si podes, porque, se che gusta competir, buscas outras opcións. Aos dardos, como xogas nun bar e cos amigos, acabas enganchándote", comenta un lanzador procedente de Valladolid.
"Entretenme, desestrésame e permíteme facer amigos. É un mundo fantástico; isto debería ser deporte nacional", afirma unha competidora.
En España hai uns 60.000 xogadores de dardos e preto de catro mil son galegos. Aquí temos bo nivel. De feito, os vixentes campións nacionais por equipos son de Vigo. A partir deste domingo competirán para intentar reter o título.