Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Coruña mobilízase ante o posible ascenso do Deportivo

A Coruña mobilízase ante o posible ascenso do Deportivo

Sigue en directo o encontro a través da TVG ou AGalega.gal

Ilusión e nervios antes de que o Deportivo xogue o ascenso

G24.gal 12/05/2024 14:30 Última actualización 12/05/2024 19:21

Neste día clave para o Deportivo da Coruña, a afección sae ás rúas coas cores do seu equipo. Dende primeira hora xa comezaba a respirarse un ambiente festivo.

"Hoxe é o día. Ten que ser", afirma un seguidor.

"Imos ascender si ou si", asegura outro.

"Hai que gañar como sexa e xa temos o título aquí en Riazor ademais", insiste un terceiro.

"Penso que imos sufrir, que o Barça vai dominar, pero que imos gañar igual, cun gol de Mella", vaticina outro.

Conviven o apoio e a ilusión, pero tamén a prudencia e os nervios.

"Festa, nervios, hai de todo. Estamos moi nerviosos", admite un afeccionado.

"Unha emoción que non me deixou durmir en toda a noite", confesa un home.

"Bastante nervioso. Non o imos negar", coincide un mozo.

"Ata as nove non se celebra nada de nada. Animando a morte pero de celebrar nada", di outro seguidor.

Atopamos afeccionados que tiveron que viaxar para vir apoiar o seu equipo, entre eles unha familia asturiana que segue o Deportivo desde hai 20 anos.

"Viñemos de Asturias. Chegamos hai media hora. Quedamos ata mañá se soben e a nena perderá o instituto. Oxalá que quedemos", explica a nai.

"Cheguei esta mañá ás seis e media de Londres e marcho o martes, para ver o Deportivo, que é o meu corazón", conta outro afeccionado.

Tamén demos con socios pequenos ou mesmo no berce lucindo as cores brancos e azuis.

"Ten mes e medio e fixémolo socio hai 15 ou 20 días", contan os pais dun bebé.

"Para animar o Dépor", di unha meniña sobre a camiseta que loce.

A afección non falla e agarda que a ilusión se converta en festa.

"Os catro temos o día pedido libre para mañá, así que ten que gañar", conclúe un grupo de amigos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade