A Coruña será a candidata galega para acoller a Axencia Estatal de Intelixencia Artificial
A decisión chega tras analizar indicadores demográficos, socioeconómicos, loxísticos e científicos
A Coruña competía por ser candidata ante Santiago e Ourense

A Coruña será finalmente a cidade que contará co apoio da Xunta de Galicia para ser candidata á sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia artificial (Aesia).
Así o avanzou ante os medios o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, tras a reunión do Nodo Galego de Intelixencia Artificial (Nodo GalicIA) celebrada este luns, con asistencia de representantes do Goberno autonómico, das tres universidades públicas galegas e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Durante a reunión, de case tres horas de duración, os representantes analizaron máis de 200 indicadores de diversa índole -demográficos, socioeconómicos, loxísticos e científicos- e determinaron que A Coruña é a cidade idónea para ser candidata a albergar este organismo.
"A cidade da Coruña é a que mellor se adapta aos criterios establecidos pola orde do Goberno", asegurou Cerviño, quen avanzou que a decisión se trasladará ao Consello da Xunta "que será quen tome a decisión final".
"Debe entenderse esta candidatura, como unha candidatura de Galicia no seu conxunto, porque é a maneira que imos ter de competir coas outras e ter máis posibilidades de ter a Axencia en Galicia", concluíu o director da Amtega.
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, destacaba logo de coñecerse a cidade que será a candidata galega que "mantendo as discrepancias de todos os que estabamos aí", unha vez que se adoptou a decisión o apoio é "unánime".
"A proposta focalízase na Coruña, pero coa intención de que sexa a mellor proposta e a mellor candidatura para que Galicia logre esa axencia", dixo o reitor coruñés.
Con todo, está por ver se algunha das outras dúas cidades, Santiago e Ourense, que xa mostraron interese en emprender a carreira pola Aesia, continuarán nela por separado, posto que o Goberno central tamén acepta que sexan as corporacións locais as que presenten formalmente a candidatura.