A Consellería do Medio Rural reactiva as comunicacións para queimas agrícolas
A comunicación debe realizarse a través do portal web da Consellería do Medio Rural ou no teléfono 012
Tamén se retoman as solicitudes da autorización de queima de restos forestais

A Consellería do Medio Rural reactivou este mércores as comunicacións para levar a cabo queimas agrícolas por parte de particulares en Galicia e os interesados poden realizalas tanto desde a web habilitada pola Xunta de Galicia como a través do teléfono 012.
Os que soliciten un permiso hoxe, tendo en conta que a comunicación debe efectuarse sempre con dous días de antelación, poderán levar a cabo a queima a partir deste venres, 9 de maio.
Como é habitual, tanto no portal de Internet destinado á comunicación de queimas de restos agrícolas amoreados como a través do teléfono 012, os cidadáns deben confirmar que se trata dunha “queima correspondente a palla e/ou material natural, agrícola, non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e/ou gandeiras”.
Ademais, tamén se retoman desde hoxe as solicitudes de autorización para efectuar queimas de restos forestais, para as que fai falta contar con autorización administrativa, dado o maior risco de incendio. Neste caso a solicitude debe facerse cunha antelación mínima de sete días.