Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia reúnese o 19 con Asturias e con Castela e León para avanzar no corredor do Noroeste

Galicia reúnese o 19 con Asturias e con Castela e León para avanzar no corredor do Noroeste

A conselleira de Infraestruturas insta o Goberno a conxelar as peaxes da AP-9 e AP-53 e tacha de "improvisación" que non haxa partidas nos Orzamentos

Ethel Vázquez urxe o Ministerio de Transportes a aclarar se manterá a bonificación no billete de autobús e aprémao a pagar o financiamento correspondente a 2022

132 mil menores de 21 anos usan a tarxeta Xente Nova nos primeiros meses do ano

G24.gal 11/12/2022 10:29 Última actualización 11/12/2022 15:18

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anuncia na Radio Galega que o vindeiro 19 de decembro manterá unha reunión de traballo cos seus homólogos asturiano e castelano-leonés para abordar a situación do corredor do Atlántico Noroeste, o corredor ferroviario de pasaxeiros e mercadorías que conecta a fachada atlántica co interior de España e o resto de Europa. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Vázquez asegura que nesta xuntanza porán en común os traballos que cada comunidade ten feito sobre este nó de conexión ferroviaria. A conselleira suxería que esta xuntanza sería previa a un cumio entre os tres presidentes autonómicos para traballar sobre este corredor ante a indefinición do Goberno central. 

"O próximo 19 teremos unha xuntanza de traballo os conselleiros do ramo das tres comunidades autónomas para poñer en común as nosas estratexias, priorizar os investimentos, identificar os investimentos... facer, coma quen di, o noso plan director porque non hai plan director do Goberno de España". 

Nesta liña, a conselleira tamén lle afeou ao Goberno central a súa "indefinición" sobre a saída sur ferroviaria de Vigo e apunta que "nin no propio Ministerio se poñen de acordo" sobre este asunto. 

Aínda en materia de transporte por ferrocarril, Ethel Vázquez considera un "parche" as novas medidas do Ministerio nas que en determinados trens, con reserva de praza e de alta demanda, se poderá establecer unha cota de prazas a pé, que non superará o 10 por cento das prazas ofertadas con reserva. Na opinión da conselleira, búscase "tapar" a ineficacia da xestión e as deficiencias do sistema e tamén considera a medida "cuestionable dende o punto de vista da xestión". 

Peaxes nas autoestradas e medidas anticrise

A conselleira de Infraestruturas insta tamén o Goberno central a anunciar a conxelación das peaxes para 2023 das autoestradas AP-9 e AP-53 de titularidade estatal. Ethel Vázquez considera que esta medida debería estar xa incluída nos Orzamentos Xerais do Estado, o que a leva a asegurar que hai "falta de previsión" "improvisación" por parte do Goberno de España. Vázquez insta o Ministerio a deixar "os apaños de última hora" e a que "tomen as decisións para conxelar as peaxes da AP-9 e AP-53 para xaneiro do ano que vén".  

Tamén aprema o Ministerio de Transportes para que confirme se manterá a bonificación nos billetes de autobús e se pagará á Xunta o comprometido por eses descontos, xa que -segundo Vázquez- a día de hoxe non sufragou nada da parte que lle corresponde ao executivo por esta medida de carácter estatal. Mesmo tacha de "moroso" o Ministerio pola súa actitude. 

"O que pedimos é que financie o que dixo que ía financiar este mesmo ano e que non sexa un comportamento -como digo- de moroso e nos concrete as súas iniciativas para o ano 2023, se van continuar esas bonificacións"

Sobre transporte de pasaxeiros, desta volta o que é competencia da Xunta, a conselleira de Infraestruturas puxo en valor a tarxeta Xente Nova para menores de 21 anos. Segundo dixo, 132.000 mozos e mozas usan esta tarxeta tanto para autobús como para transporte de ría e FEVE (Ferrocarrís Españois de Vía Estreita) e 24 mil deles foron novos usuarios. Afirma que se bonificaron máis de catro millóns de viaxes, o que lles supuxo un "aforro" de cinco millóns e medio de euros ás familias. Segundo Vázquez, en dez meses deste ano superáronse as cifras do ano anterior. 

Entrevista completa na Radio Galega
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos