Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ábalos admite que permitiu filtrar parte das mensaxes que gardaba e di que son "unha chorrada"

Ábalos admite que permitiu filtrar parte das mensaxes que gardaba e di que son "unha chorrada"

Ábalos síntese "un mono de feira" e di que as mensaxes só demostran a confianza que lle tiña o presidente Sánchez

Nega que filtrase as mensaxes de 2021, pero admite que compartiu as máis recentes con persoas de confianza

O exministro José Luis Ábalos (Fernando Sánchez/Europa Press) O exministro José Luis Ábalos (Fernando Sánchez/Europa Press)
G24.gal 14/05/2025 18:15 Última actualización 14/05/2025 19:48

O exministro de Transportes e exsecretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, recoñeceu que gardaba as mensaxes que cruzou durante anos co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, co obxectivo de escribir as súas memorias. Así o explicou este mércores nunha conversa coa cadea La Sexta, onde tamén expresou o seu malestar polas filtracións que o rodean desde que estourou o caso Koldo.

Ábalos sinala que consentiu a publicación das mensaxes de 2023, por consideralas “positivas”, e aclara que entregou unha copia a persoas da súa confianza vinculada coa súa defensa, aínda que non revelou a identidade. En todo caso, precisou que non se trata de Koldo García, o seu exasesor investigado no caso.

Pola contra, negou que fose el o que filtrou as mensaxes correspondentes o ano 2021.

O exministro lamenta sentirse “saturado, doído e incómodo”, e describe a situación como un “pesadelo”. Critica que ninguén do Goberno mostrou empatía con el e afirma ser “o mono de feira, a pelota á que todos lle pegan”. Tamén denuncia que se lle atribuíron falsidades sobre o parador de Teruel, o de Sigüenza ou sobre un catálogo, e asegura que seguen “escarbando” sen ter nada en contra súa.

Insiste en que sempre foi leal a Sánchez, pero que leva 17 meses soportando filtracións e bulos, e afirma que a Policía o vixiaba antes mesmo de que o Congreso aprobara o seu suplicatorio. Asegura que lle dá igual que o acusen de estar detrás das revelacións porque “non filtrou nada”.

Nunha mensaxe publicada na súa conta de X, Ábalos afirmou que simplemente contrastou a información cando o xornal El Mundo lle pediu verificar os chats de 2023, e que non se opuxo á súa publicación porque acreditaban unha relación positiva co presidente. Segundo el, os contidos desmenten que a súa inclusión nas listas do PSOE para as xerais de 2023 tivera como fin aforalo para protexelo, como sostén a oposición, e defenden que foi parte dun “reencontro nunha nova etapa do PSOE”.

En canto aos chats de 2021, Ábalos desvincúlase por completo da súa publicación. Ese ano foi cesado como ministro no verán, aínda que, segundo os propios mensaxes, Sánchez retomou o contacto con el uns meses despois. O exministro critica a hipocrisía dalgúns sectores que, di, “se rían coas filtracións” que afectaban á súa intimidade e agora se escandalizan.

Para Ábalos, o contido dos chats coñecidos non revela nada comprometedor: “Son unha parvada e só demostran a confianza que me tiña o presidente”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade