Putin non encabeza a delegación negociadora rusa en Istambul para o encontro con Ucraína
O equipo negociador ruso na cidade turca estará presidido polo asesor presidencial Vladimir Medinski, o mesmo que encabezou as negociacións en 2022
Zelenski di que segundo a quen envíe Moscova ás negociacións se decidirán próximos pasos

O presidente de Rusia Vladimir Putin non encabezará a delegación rusa nas negociacións con Ucraína que terán lugar este xoves en Istambul.
O equipo negociador ruso na cidade turca estará presidido polo asesor presidencial Vladimir Medinski, o mesmo que encabezou as negociacións con Kiev en Istambul en 2022.
Ademais, a delegación rusa estará formada por un viceministro de Exteriores, un viceministro de Defensa e un alto cargo do Estado Maior do exército ruso.
Rusia non revelou ata o último momento os nomes dos integrantes do seu grupo negociador, e algúns medios chegaron a escribir que este podería estar composto polo asesor para Asuntos Internacionais do Kremlin Yuri Ushakov e o ministro de Exteriores Sergei Lavrov.
Polo momento, descoñécese se o mandatario ruso optará por desprazarse a Istambul a pesar de non encabezar a delegación do seu país nas conversacións.
"A delegación rusa esperará a delegación ucraína en Istambul", dixo Dmitri Peskov, portavoz presidencial.
O presidente de Ucraína Volodimir Zelenski afirmou que conforme a quen envíe finalmente Moscova ás negociacións o seu Goberno determinará os próximos pasos que seguirá e asegurou que Kíev está disposto a participar en calquera formato de negociación.