A comunidade islámica construirá o primeiro cemiterio musulmán de Galicia
Evitará trasladar os corpos aos países de orixe ou a outros cemiterios de España
A crecente comunidade islámica galega, entre 35.000 e 40.000 persoas, non ten onde enterrar os seus mortos. Deben levalos ao seu país de orixe, cun custo que pode chegar aos 12.000 euros. Ou recorrer, como fixeron durante o peche de fronteiras pola pandemia de covid-19, a outros cemiterios islámicos de España.
"Galicia é unha das tres comunidades autónomas que non dispón dun cemiterio islámico. No resto do país hai máis de 33", explica Abdel El Aziri, voceiro da Comunidade Islámica de Galicia.
Teñen dereito a ter o seu propio cemiterio. Unha aspiración que están a piques de lograr unha vez superado o último atranco legal que os botaba para atrás. A nova regulación de seguridade mortuoria de Galicia permítelles enterrar conforme o rito islámico, directamente na terra, sen cadaleito.
"Temos localizadas dúas ou tres parcelas. Temos que ver a que cumpre os requisitos de Sanidade e darlle para diante", asegura El Aziri.
Unha aspiración que porá fin ao drama das familias musulmás de Galicia.
"Cando teu pai morre vas mandalo a un país onde os seus fillos non están, onde a súa muller non está. Nós queremos vivir aquí. Eliximos esta terra para vivir e escollemos esta terra para morrer", asegura o voceiro da comunidade islámica.
Non hai mellor sinal de integración, din, que repousar para sempre no lugar de acollida.