A Comisión Europea pide prepararse para máis cortes de gas ruso, mesmo un total
A Comisión Europea pide prepararse para máis cortes de gas ruso, mesmo un total
Von der Leyen explicou no Parlamento Europeo que a Comisión prepara xa un "plan de emerxencia" comunitario
A presidenta da CE di que hai que "asegurar que, no caso dunha disrupción total, o gas flúa cara a onde é máis necesario"

A presidenta da Comisión Europea (CE) Ursula von der Leyen instou este mércores a prepararse para posibles novos cortes de subministración de gas ruso, incluído un corte total dos fluxos, e lembrou que Bruxelas está a preparar un plan de "emerxencia" que presentará para mediados de xullo.
"Témonos que preparar para máis disrupcións na subministración de gas, incluído un corte completo por parte de Rusia. Hoxe, 12 Estados membros vense afectados parcial ou totalmente por reducións na subministración de gas. É obvio que Putin segue usando a enerxía como arma", apuntou desde Estrasburgo.
Nun debate no Parlamento Europeo, Von der Leyen aplaudiu que varios Estados membros entre os máis dependentes da subministración rusa de gas xa poñan en marcha plans nacionais de continxencia ante estes posibles cortes de cara ao próximo inverno, pero mostrouse convencida de que serán necesarias a "coordinación europea e acción en común".
Dixo Von der Leyen que a Comisión prepara xa un "plan de emerxencia europeo" cuxos instrumentos, dos que non deu máis detalles, serán presentados a mediados de xullo en Bruxelas.
"Temos que asegurar que, no caso dunha disrupción total, o gas flúa cara a onde é máis necesario. Temos que ter solidariedade europea e protexer o mercado único e as cadeas de valor da industria", incidiu.
Von der Leyen asegurou que os esforzos de Europa para distanciarse do gas e outras fontes de enerxía rusas "xa están a marcar a diferenza", cun incremento do 75 % nas exportacións globais (sen contar con Rusia) de gas natural licuado desde marzo, en comparación con 2021.
Mentres que as exportacións de gas natural licuado dos Estados Unidos á Unión Europea case se triplicaron neste período, a importación media mensual do ruso por gasoduto caeu un 33 % en comparación co ano pasado.
"A nova situación de seguridade é o mellor argumento para acelerar a transición ás renovables", insistiu Von der Leyen, que pediu "lembrar as leccións do principio da pandemia" de que "o egoísmo e o proteccionismo só levan á falta de unión e fragmentación", mentres que a coordinación europea foi "clave para superar a pandemia".
"Como sempre, esperemos o mellor pero preparémonos para o peor. Quédanos un traballo duro por diante", apuntou.