Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Casa Museo Rosalía, primeiro museo do mundo que usa un avatar para guiar unha visita virtual

A Casa Museo Rosalía, primeiro museo do mundo que usa un avatar para guiar unha visita virtual

O avatar estréase no aniversario do nacemento da autora de 'Cantares Gallegos'

Representa unha figura clave da cultura galega no exilio, Maruxa Villanueva, que foi guía do museo desde 1971

G24.gal 17/02/2023 14:38

Este venres foi día de festa na Casa Museo de Rosalía. Aínda faltan seis días para o aniversario da autora do primeiro gran libro en galego do Rexurdimento, pero houbo alborada porque acaba de nacer o avatar de Maruxa Villanueva, que foi coidadora da casa de Rosalía desde 1971. 

A actriz á que agora pon voz a excompañeira da Radio Galega Amalia Hervella, vai amosando as estancias principais da casa de Rosalía e Murguía, e abrindo á porta a unha enorme cantidade de información á que é difícil acceder nunha soa visita presencial. 

"Non podía haber mellor figura que Maruxa Villanueva para conducirnos nesta visita virtual que pode facerse en calquera parte do mundo e en varias linguas", declarou Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.

"Pensar que como país imos ser os primeiros en usar este tipo de ferramenta e que a primeira vez que un avatar de corpo enteiro entra neste tipo de ámbito virtual, e que é muller, fala galego e faino desde a casa de Rosalía, a verdade é que para nós é especialmente emocionante", explica Pancho Tristán, de Orestes Comunica.

A presentación do avatar cadra co próximo aniversario de Rosalía de Castro, o día 23. Hai un chamamento da fundación para que ese día nos gravemos facendo o caldo de gloria do poema Miña casiña meu lar, e o colguemos en redes, unha iniciativa á que xa se sumaron 200 hostaleiros e que lidera este ano o cociñeiro con estrela Michelín, Óscar Vidal.

Aos que prefiran a música para reivindicar esta autora universal invítanos a celebrar a data cantando a Alborada. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade