A carne Angus, que destaca pola súa graxa infiltrada, está a facerse un oco na hostalería
Procede de animais con raíces en Escocia, pero que está moi espallada polo mundo, e en Galicia xa conta con varias granxas
É unha das carnes máis apreciadas pola súa tenrura. Tamén é das máis cotizadas.
Explica a hostaleira Bexara Pagra, que ten un establecemento dedicado a esta carne que destaca "pola súa textura, o seu sabor e a súa cor máis intensa" respecto doutras.
Estamos a falar da carne procedente de vacas Angus, unha raza natural de Escocia e moi espallada polo mundo e que agora está máis de moda que nunca. En Galicia hai varias explotacións. Nesta granxa lucense hai sete anos que apostaron por estes animais. O gandeiro Manuel López indica que estes animais "son nobres, tranquilos e cunha carne distinta a outras".
A súa carne comeza a ser moi apreciada pola hostalería. Segundo manifesta este criador de vacas Angus en Lugo, páganlles "dous euros máis por quilo e sacamos animais de catorce meses con 400 e mesmo un con 547 quilos".
Unha carne premium, presente nas hamburguesas gourmet e en cortes selectos que cada vez ten máis demanda.