A borrasca Leonardo deixa máis de 350 incidencias e máis de 20 ríos con risco por inundacións
Máis de 50 accidentes de tráfico nas estradas do país non deixan feridos de consideración
A maioría das incidencias concentráronse na xornada do xoves e foi a provincia de Pontevedra a máis afectada polo paso deste temporal
A treboada deixa sen luz durante varias horas zonas de Pontevedra e de Poio
Parque infantil de Ribadavia inundado pola enchente do Avia. Imaxe directo: vista do río Miño en Ourense. Cámara CSAG
O servizo de emerxencias 112 Galicia atendeu, desde a medianoite do xoves ata as 07:00 deste venres, 371 incidencias relacionadas co temporal Leonardo, con forte chuvia e vento, cunha alerta laranxa por fenómeno costeiro en todo o litoral galego e o plan Inungal activado en fase de preemerxencia.
A maioría das incidencias (306) concentráronse no xoves. Destacan os problemas como árbores caídas (62 casos), accidentes de tráfico sen feridos (52) e prevención de riscos por parte dos servizos de emerxencias (33).
Entre os incidentes destacados, todos eles durante o xoves, figuran estradas anegadas en Amoeiro e Crecente, desprendementos de terra e pedras en estradas en Pantón e Navia de Suarna, e inundacións en vivendas de Monforte, Barbadás, Beariz, Ribadavia, Moaña e Silleda, "resoltos polos equipos de emerxencias sen maiores complicacións", sinala o 112.
Por provincias, Pontevedra foi a máis afectada con 143 casos, seguida de Ourense (88), A Coruña (83) e Lugo (57).
Máis de 20 ríos baixo vixilancia
Debido ao risco de inundacións, o caudal máis de vinte ríos está baixo vixilancia, segundo a última actualización realizada ao final da tarde do xoves.
Trátase dos ríos Mandeo, en Betanzos e Aranga, Mero, en Cambre, Barcés, en Abegondo, Valiñas, en Culleredo, Tambre, en Oroso e Trazo, Sar, en Ames, Cabeiro, en Oroso, Cambeda, en Vimianzo, Balsa, en Cabana de Bergantiños, Mendo, en Betanzos, e Xubia, en San Sadurniño, na provincia da Coruña.
Na provincia de Pontevedra, están baixo vixilancia Gallo, en Cuntis, Lérez, en Pontevedra, Miñor, en Gondomar, Cabeiro, en Redondela, Lagares, en Vigo, e Louro en Tui.
Na de Ourense son o Miño, na Peroxa, Ourense e Ribadavia, Avia, en Ribadavia, o Arnoia, en Baños de Molgas e Arnoia, o Limia, en Bande e Xinzo de Limia, e o Támega, en Castrelo do Val e Oímbra.
Na provincia de Lugo, a atención está no río Miño ao seu paso pola capital provincial, que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) situou en nivel laranxa de pre-alerta.
O rio xa asolaga algunhas zonas do club fluvial. O resto dos ríos da provincia van caudolosos, pero manteñen unha tendencia á baixa.
A demarcación da CHMS ten nestes momentos catro puntos en nivel vermello: A Peroxa e Salvaterra, no río Miño, Rivadavia, no río Avia-Miño, e Tui, no río Louro.
O punto de control do Miño en Salvaterra rexistra unha altura de 10,11 metros, aínda que ten tendencia á baixa, mentres que na Peroxa está en 7,41 metros, con tendencia á alza.
En Ribadavia, a confluencia do Miño co Avia rexistra unha altura de 4,59 metros, con tendencia á baixa, e o río Louro ao seu paso por Tui está en 2,44 metros, tamén con tendencia a decrecer nas próximas horas.