Publicador de contidos

Publicador de contidos

Karlotta deixa máis de 270 incidencias con refachos de ata 200 km/h

Karlotta deixa máis de 270 incidencias con refachos de ata 200 km/h

A caída de árbores interrompeu a circulación do tren Ferrol-Ribadeo e provocou atrasos na circulación do Eixo Atlántico 

Problemas no tráfico aéreo en Alvedro e na Lavacolla

Muro caído no barrio das Telleiras, en Ferrol (EFE/ Kiko Delgado)
G24.gal 08/02/2024 09:41 Última actualización 08/02/2024 13:24

O paso da borrasca Karlotta por Galicia está deixando este xoves un regueiro de incidencias por chuvia copiosa e vento de moita intensidade, por riba dos 200 km/h. Ata o de agora  a central do 112  Galicia leva rexistrados 275 incidentes en toda a comunidade.

A provincia da Coruña está a ser a máis afectada, con 155 incidencias, seguida da de Lugo, con 66. En Pontevedra os equipos de emerxencia interviñeron en 39 incidentes e en Ourense, 15.

En terra, a caída de pólas e árbores, así como o desprendemento de fachadas e galerías, foron as incidencias máis frecuentes durante a mañá. Se ben a borrasca tamén causou problemas no tráfico ferroviario e no mar, todo o litoral galego está en aviso laranxa.

Á acción do vento do suroeste engádese o mar de fondo deixando a situación máis adversa... mar combinado. A media das ondas máis elevadas móvese entre os 5 e os 7 metros de altura

O refacho máximo é de 202 km/h en Viveiro

A circunstancia que máis está a complicar as operacións en Galicia é o vento, con refachos que xa chegan a 202 km/h na estación de Penedo do Galo, en Viveiro, e 172 km/h en Lardeira, Carballeda de Valdeorras.

Segundo a información das estacións de Meteogalicia, os refachos tamén chegan a 157 en Mañón, a 153 en Muras e a 150 en Vimianzo e Cedeira. 

Desprendementos nas cidades polos refachos de vento

Na cidade de Ferrol rexistrouse á primeira hora a caída dun valo xunto ao Gran Hotel, que cortou parcialmente a vía, así como a caída dun muro do patio interior dun edificio no barrio das Telleiras por mor do vento, que tamén desprazou contedores en parroquias do rural e no centro urbano.

O consistorio detallou que arredor das 8:30 horas caeu parte dun muro baixo, dotado dun peche de ladrillo, no barrio de Esteiro, un suceso que provocou a rotura dunha tubaxe de gas, cuxa fuga foi controlada minutos despois. O goberno local ferrolán tamén sinalou a detección de "problemas na tubaxe de condución de auga" que se dirixe ao municipio de Fene a través da ponte das Pías pola existencia de chapas de suxeición que permanecían soltas.

Na Coruña desprendeuse parte dunha caseta de obra instalada na fachada dunha vivenda en Juan Flórez, que caeu sobre un carril de circulación, aínda que sen causar danos persoais nin aos vehículos.

 

Na provincia de Lugo, a caída dunha árbore cortou parcialmente durante unhas horas a N-642 en Ribadeo, e en Foz produciuse o desprendemento dunha galería. A autovía A-54, entre Santiago e Lugo, rexistrou varias incidencias por caídas de pólas, que tiveron que ser retiradas.

A estrada do Río Rato (LU-P-2925) permanecerá cortada durante dous días á altura do quilómetro 0,7 para realizar labores de limpeza tras un desprendemento de terra rexistrado esta madrugada, segundo informou a Deputación de Lugo.

O vento tamén provocou o desprendemento, na tarde do mércores, dunha estada no concello de Carballedo, á altura do quilómetro 63,2 da estrada Nacional 540 (Lugo-Ourense). Os servizos de emerxencias actuaron con rapidez e evitaron posibles danos para as persoas coa súa caída sobre a vía pública, aínda que houbo que desviar o tráfico nese punto durante varias horas.

Árbores caídas sobre as vías do tren e problemas no tráfico aéreo 

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) comunicou este xoves que a caída de varias árbores entre os municipios de Moeche e Cerdido, na comarca de Ferrolterra, motivou a interrupción da circulación do tren Ferrol-Ribadeo. O ente público anunciou que o seu persoal "está a traballar para restablecer a circulación canto antes" na zona.

Tamén a caída dunha árbore cortou a circulación ferroviaria durante unha hora entre Catoira e Pontecesures, con atrasos nos trens da liña Pontevedra-Santiago.

Ademais, o vento obrigou a regresar a Madrid a dous voos que debían aterrar na Coruña e a desviar á capital un avión entre Bilbao e Santiago de Compostela.

Segundo o 112 Galicia, o temporal tamén ocasionou algúns accidentes de tráfico, aínda que, afortunadamente, sen vítimas de consideración.

Avisos por fortes precipitacións en toda Galicia ata as seis da tarde

Ademais, a Xunta de Galicia mantén activo o Plan Especial perante o Risco de Inundación en Galicia (Inungal) polo posible desbordamento do río Verdugo ao seu paso polo municipio pontevedrés de Ponte Caldelas.

Ata as seis da tarde manteranse activos o aviso laranxa na provincia de A Coruña e o amarelo nas provincias de Pontevedra e Ourense por chuvia.  En Santa Comba, por exemplo, xa superaron os cen litros por metro cadrado en menos de vinte e catro horas máis que en todo xaneiro en Forcarei, onde estivo a marca máis alta de Galicia nese mes .

En Zas recolléronse  98,7 litros por metro cadrado e en Lousame, 96,7. En Val do Dubra Meteogalicia rexistrou ata o momento 86,6 litros por metro cadrado e en Rois, 81,3.

A borrasca comezará a amainar esta noite.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar