A borrasca Bert deixa en Galicia case 700 incidencias, vento de 170 km/h e avisos por choiva intensa
A borrasca Bert deixa en Galicia case 700 incidencias, vento de 170 km/h e avisos por choiva intensa
A borrasca Bert deixa en Galicia case 700 incidencias, vento de 170 km/h e avisos por choiva intensa
Xa se rexistraron ventos de máis de 170 quilómetros por hora en Carballeda de Valdeorras e o vento tira moitas árbores, pólas, cables, carteis e mobiliario urbano
Avisos laranxa por chuvia no litoral da Coruña e Pontevedra e por vento na Mariña e nas montañas de Ourense
Desde as 18 horas e ata a medianoite poden acumularse precipitacións de ata 40 litros por metro cadrado, e de 20 litros nunha hora
A Xunta pídelles ás federacións deportivas suspender as actividades ao aire libre nas zonas afectadas polo aviso laranxa
A borrasca Bert está a deixarse sentir con vento intenso e mesmo supera as expectativas que xerou un ciclón extratropical cunha presión tan baixa, nalgúns momentos ata os 934 milibares, que serían cifras propias dun gran furacán.
O vento do sur sopra con tanta forza que este domingo xa se alcanzaron rexistros de 170 quilómetros por hora en Carballeda de Valdeorras ou de máis de 150 na estación de MeteoGalicia na Gándara, en Vimianzo. En toda a costa xa se superou a barreira dos 100 quilómetros por hora.
Son múltiples as incidencias que rexistra Emerxencias de Galicia-112, sobre todo coa caída de árbores por toda Galicia.
O tellado da depuradora de Noia desprendeuse e saíu voando pola forza do vento, por sorte, sen causar feridos. Tamén en Vigo se desprendeu a uralita do pavillón das Travesas. O mar invadiu o paseo marítimo de Camariñas, e ademais caeron árbores, pólas e postes da luz por todo o país.
O 112 Galicia sumou 668 incidencias ata as sete da tarde causadas polo vento unha xornada en que a comunidade tamén está en avisos laranxas ou amarelos por choiva. Así, as principais intervencións do persoal de emerxencias estivo relacionada coa retirada de árbores caídas nas vías, pólas, cables que se desprenderon, postes, carteis e sinais de tráfico. Todo iso derivado duns refachos de vento, de máis de 170 quilómetros por hora en puntos da comunidade, que provocaron o movemento de mobiliario urbano como colectores de lixo e semáforos rotos.
Debido aos fortes ventos, un voo Madrid-A Coruña tivo que ser desviado a Santiago e, aínda que parecía ter dificultades na aterraxe, finalmente puido realizar a manobra. Na Coruña rexistrouse unha incidencia pola caída de macetas sobre un vehículo, en Neda unha xanela caeu sobre un sinal de tráfico e no Irixo a derruba dun muro afectou o firme dunha estrada.
Así, as intervencións relacionadas coa caída de árbores, vexetación e mobiliario urbano ascenden a 175, a caída de cables e postes (64) e producíronse 33 derrubamentos de estruturas.
O mal tempo diluíu o Nadal de Vigo, sen nora, sen visitas á árbore da Porta do Sol e cunha afluencia de público moito menor. As luces brillaron para os máis ousados.
Na Coruña, os parques e os xardíns estiveron pechados durante toda a fin de semana.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía activou avisos laranxas na Coruña e Pontevedra por chuvia, e ampliou o aviso laranxa por vento na Mariña e na montaña de Ourense. O fenómeno meteorolóxico adverso por chuvia afectou durante a xornada ao noroeste, oeste e sueste da Coruña, nas Rías Baixas e a bacía do Miño de Pontevedra.
Unha das zonas onde máis chove nas últimas horas é na Costa da Morte. En Camariñas a chuvia intensa provocou o asolagamento das rúas céntricas próximas ao peirao, aínda que, segundo confirmou a Policia Local, xa se recuperou a normalidade.
Coristanco, con mais de 40 litros por metro cadrado, é o concello que rexistrou máis precipitación acumulada, seguido por Zas e Vimianzo. Tamén houbo incidencias e forte chuvia en Vilagarcía.
Desde as 18:00 horas e ata a medianoite vanse acumular ata 40 litros por metro cadrado, pero nunha hora poderían recollerse ata 20 litros. As autoridades pídenlle á poboación que extreme as precaucións nos desprazamentos por estrada e que se evite achegarse a diques, rompentes ou paseos marítimos.
As zonas máis complicadas a priori, con 80 litros por metro cadrado en 12 horas, 30 litros nunha hora van ser no litoral, nas Rías Baixas, e en comarcas do Miño, tanto en concellos do Baixo Miño. Oia, Tui, A Garda, coma en concellos do Condado coma Salvaterra de Miño. Aquí o risco para as persoas será importante e por iso se eleva a alerta a laranxa a partir das catro da tarde.
O mar combinado do noroeste con ondas que chegarán ata os seis metros de altura deixará unha situación complicada na costa.
Foi unha xornada complicada en toda a costa galega. Houbo mala visibilidade e moito vento. De norte a sur, o litoral estivo en aviso laranxa ao longo desta xornada por vento, mala visibilidade e ondas de ata seis metros. O transporte de ría entre Vigo e O Morrazo quedou suspendido.
Nos peiraos, coma o de Cangas, a frota permanecía amarrada. Os mariñeiros en terra aproveitaban para asegurar as súas embarcacións. Incluso os barcos de maior envergadura tiveron que resgardarse preto da costa.
A situación obrigou a pechar en moitos lugares parques, xardíns ou accesos a praias por precaución e o derbi de fútbol xuvenil entre o Celta e o Deportivo quedou aprazado.
As temperaturas están a ser anormalmente altas para esta época. O luns Galicia quedará nunha situación de ballóns, pero con ventos máis frouxos. As temperaturas descenderán de xeito notable, e por exemplo na Coruña e Santiago a caída das máximas será de ata cinco graos e en Lugo non van pasar dos 12 de máxima.
Despois de dúas xornadas moi cálidas agárdase un descenso térmico brusco e notable.