Publicador de contidos
Publicador de contidos

A borrasca Armand deixa frota amarrada, parques pechados e 190 incidencias

A borrasca Armand deixa frota amarrada, parques pechados e 190 incidencias

Aviso laranxa no mar ata a madrugada por ondas de máis de cinco metros e fortes ventos

A acumulación de chuvia das últimas horas provocou a derruba dun muro en Beade 

A frota tivo que quedar amarrada ao abrigo dos portos galegos

Chegou a primeira borrasca do outono a Galicia Chegou a primeira borrasca do outono a Galicia
G24.gal 20/10/2022 20:53 Última actualización 20/10/2022 21:52

A primeira borrasca importante deste outono estase a notar sobre todo no mar. Bautizada como Armand, esta borrasca mantén activos avisos na costa de Pontevedra e mais da Coruña.

Houbo aviso laranxa por mar combinado con ondas de máis de cinco metros e ventos de forza sete. O suroeste alcanzou os cen quilómetros nas zonas costeiras. Con este panorama, a frota tivo que quedar amarrada a porto. Este aviso laranxa estará activo ata esta madrugada, a partir de aí, descenderá a amarelo, un nivel que se manterá ata mañá ao mediodía.   

Frota amarrada

A bravura do mar evidencia que chegou a Galicia a primeira gran borrasca da temporada. E fíxoo con forza. Armand obrigou a activar o aviso laranxa por mar combinado na costa de Pontevedra e da Coruña.

A frota tivo que quedar amarrada, ao abrigo que proporcionan os portos, e os mariñeiros quedan pendentes da previsión do tempo. Viven pendentes da previsión do tempo porque cada día que quedan no porto é un perda económica. 

O aviso laranxa no mar é por ondas e por vento que sopra do suroeste e que chegou aos 100 quilómetros por hora nas zonas costeiras. E as ondas están alcanzando unha altura de entre cinco e seis metros. Días coma este de temporal hai que evitar correr riscos innecesarios e extremar a precaución. Pode resultar moi perigoso achegarse ao mar.

Incidencias en terra

A borrasca deixa a súa maior pegada no litoral, pero tamén algunhas incidencias en terra, como o susto que levaron os veciños de Beade, en Vigo. A acumulación de chuvia das últimas horas provocou a derruba dun muro.

Os veciños aseguran que levan moito tempo denunciando o mal estado do muro. Xa alertaran de que algo así podía pasar se viñan chuvias fortes. Agardan que o Concello tome medidas.

Peche de parques e xardíns

A borrasca, e principalmente os fortes ventos, levou a moitos concellos a pecharen os parques e xardíns por seguridade. A caída dalgunha árbore provocou rescindir o acceso polas zonas axardinadas.

O vento sopra con forza na Gudiña, en Ourense. No Alto da Gañidoira, en Lugo, os muíños de vento traballaban a pleno rendemento para producir enerxía. E é que tamén no interior de Galicia están activados avisos amarelos. Os refachos de vento poden superar en calquera punto os 70 ou 80 quilómetros por hora. 

Para evitar accidentes foron moitas as vilas e cidades que decidiron pechar os parques mentres non pase o temporal. E agás en Lugo, Armand tamén deixa aviso amarelo por precipitacións no interior.

A  borrasca vai desprazándose cara a Irlanda. O aviso amarelo por chuvias mantense ata a medianoite e os ventos deixarán en amarelo a montaña de Lugo e a de Ourense polo menos ata este venres.

Derruba dun muro en Beade, Vigo Derruba dun muro en Beade, Vigo

En total, 190 incidencias en Galicia

En total, o temporal deixou en Galicia 190 incidencias, as contabilizadas desde a medianoite ata as seis da tarde, a maior parte delas relacionadas con caídas de árbores á vía e outros obstáculos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade